A teoría da relatividade

Está pasando Engadir comentarios

Mércores, 14 de maio de 2008

Ramón Varela, alcalde de Malpica de Bergantiños, quizais sexa unha das persoas máis idóneas da actualidade para explicar a teoría da relatividade, ou, índomos ao caso concreto, como un papel pode circular de Malpica de Bergantiños á Coruña en apenas dous días, e como outro papel, en principio de semellantes características, tarda un mes en chegar a Madrid, se é que chegou. Poida que as comunicacións coa capital do Estado non estean no seu mellor momento, ou pode que o servizo de correos atope unha fronteira natural nalgún punto entre A Coruña e Madrid, non o sabemos.

Como recordarán, Malpica de Bergantiños viuse envolta nunha polémica os pasados días porque un acordo plenario que non interesaba (ou si interesaba, pero en sentido contrario, isto é, para utilizalo no seu favor) ao alcalde tardou quince días en ser posto sobre o papel e ser remitido a Madrid (Xunta Electoral de Zona) para que permitisen o nomeamento do concelleiro que substituíse á demitida Emma Abella.

Pois moito mellorou a administración malpicana en menos dun mes. Aínda sen sabermos se aquel papel chegou a onde tiña que chegar, hoxe o Boletín Oficial da Provincia recolle un anuncio no que se publican acordos do pleno que tivo lugar o xoves pasado, isto é, hai menos de unha semana.

Será que o acordo que agora había que publicar si interesaba á alcaldía (entre outras cousas, aí vai incluído un aumento de salario para el e o seu socio de goberno) ou será que nós somos moi mal pensados/as?

1 Comentario a “A teoría da relatividade”

  1. Cormelana dixo:

    Rectifico: foron catorce días en ser enviados, segundo o rexistro, claro, e non se sabe canto en chegar a Madrid; pero todo ten a súa explicación, o caso é dar con ela…

Deixa un comentario

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Log in