As letras galegas, unha festa

Axenda Engadir comentarios

Mércores, 07 de maio de 2008

Faltan dez días para o día grande das nosas letras, que este ano, por certo, está dedicado a Xosé María Álvarez Blazquez. Este ano, coma todos os demais, non faltarán actos lúdicos e festivos todo ao longo do país para lembrárnolo, e bo é que así sexa. Incluso haberá quen, coma moitos xornais, de forma folclórica usará o galego ese día despois de renegar del todo o ano. Dende aquí, o noso ánimo a facer de todo o ano o ano das letras, e non só do 17 de maio o día das letras.

Non obstante, tamén hai asociacións que traballan de forma sincera pola nosa lingua. Tal é o caso da Asociación Monte Branco, do Couto (Ponteceso), que xa levan varias décadas organizando a semana das letras, que este ano conta ademais cunha páxina web propia, Festiletras. Parabéns para O Couto e a seguir traballando.

Tamén fan un traballo coherente dende a Asociación de Veciños A Cutareira, da Laracha, que están a mobilizar para a manifestación polo dereito a vivirmos en galego que terá lugar o vindeiro día 18 de maio, e tamén organizaron un acto para nenos e nenas para este venres, ás cinco e media da tarde, na aula da Caixa Galicia da Laracha, acto ao que convidan a asistir a todo o mundo.

Polo demais, coma decote, a maioría de concellos organiza diversas actividades nestas datas. Entre os que xa as presentaron están o de Laxe ou o de Carballo.

O dito, a facer de todo o ano o ano das letras, non só este día. E o día 18, todo o mundo a Santiago de Compostela, polo dereito a vivirmos en galego.

Deixa un comentario

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Log in