“Cobarde, traidor y asesino”

Está pasando Engadir comentarios

Venres, 23 de maio de 2008

Se falamos de convocatoria vía SMS para manifestarse diante das sedes do PP, a todo o mundo lle vén á cabeza marzo do 2004 e os feitos que levaron a Zapatero á Moncloa. Mais non, por incríbel que parecer, a propia base social do Partido Popular autoconvocouse para pedir que rodaran cabezas no seu propio partido político.

As augas baixan revoltas en Génova, e o “galego” Rajoy atravesa sen dúbidas o seu peor momento. As súas decisións nos últimos tempos non semellan acertadas, tanto que tire para un lado como para o outro. Cortou as ás a Gallardón para contentar a Aguirre, e aquel ficou cabreado. Agora quere promocionalo dentro do partido para substituir a Acebes como secretario xeral, e unha manifestación da súa xente ante a sede do PP en Madrid recibe a Gallardón con berros de “cobarde, traidor y asesino”.

Estes foron algúns dos cánticos suaves que se escoitaron. Outros foron “Rajoy, dimisión” ou “devuélveme mi voto”. Pero non só berran as bases (tanto se manifestaron no último ano, contra o matrimonio homosexual, polos trasvases… que lle colleron o gusto), senón que hai un clamor interno que se manifesta a base de fuxidas que deixan só ao líder: Rato, Acebes, Zaplana, San Gil, Ortega Lara… homes e mulleres con moito poder que, en marchando, fan zozobrar a nave popular.

Non está escrito como acabará o conto. Rajoy insiste en querer presentarse, pero como medida de urxencia mete como o seu número dous a quen outrora non quixo para que non lle fixese sombra, Alberto Ruiz Gallardón. Aznar di que hai que escoller o mellor do mellor, e dá a entender que Rajoy non o fixo. Esperanza postúlase, quizais antes de tempo, e Fraga mándaa calar. San Gil levántase da redacción dunha ponencia para o congreso do partido a pesares de que, segundo din, se recollen practicamente todos os seus postulados. As navallas están sobre a mesa, veremos de onde corre o sangue.

Deixa un comentario

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Log in