Euskadi ou a imparcialidade dos medios

Revista de Prensa Engadir comentarios

Venres, 30 de maio de 2008

Algunha volta nos temos referido neste blogue á imparcialidade mediática. Dende a prensa estatal, a maioría con sede nese Madrid gubernativo, a información existe, a opinión, máis. Os clásicos debates entre a prensa “de dereitas” e a prensa “de esquerdas” ceden parte do seu tradicional enfrontamento para abater ao, neste caso, “inimigo común”, sen desperdiciar, sobre todo por parte da dereita, agora oposición, a oportunidade de tirar algunha pedra contra o goberno central. Reparemos, senón, en tan só algúns dos imparciais titulares destes últimos días.

Así, por exemplo, ollen como o xornal La Razón titulaba ao respecto: “Ibarretxe vuelve a desafiar al gobierno y no pedirá permiso para su consulta“. Neutral, a que si? E aínda máis se nos imos fóra do apartado de “información” e pasamos ao de opinión (opinión recoñecida, isto é), onde se despachan xa máis a gusto: “En manos de ETA” é o titular, que xa aventura unha reflexión sesuda, que queda confirmada tan só coa primeira frase: “Al lehendakari le gusta bastante el papel de títere”. Aí queda iso. Así é como se buscan os acordos, o resto é dividir a sociedade. Perfecto.

Claro que, dentro da prensa “da dereita”, do mellorciño é o xornal electrónico Libertad Digital. O seu titular é, tamén, claro e transparente: “Ibarretxe exhibe las papeletas del referéndum ilegal que no contempla el rechazo a ETA“. Pódese deixar máis claro nunha soa frase?  O referendo ou consulta é ilegal, aínda que non o dixera ningunha autoridade xudicial, para iso está Libertad Digital. E, por suposto, o meollo da cuestión: dá igual o que se diga nos textos das preguntas, como non se condena a ETA en cada unha das dúas frases, xa non vale.

Manda truco. Si, amigos e amigas, por aí vai a prensa libre deste estado. Euskadi é o seu tema favorito, así que non se espanten de nada nos vindeiros días porque é moito o que queda por oír.

Deixa un comentario

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Log in