Luns, 05 de maio de 2008
A noticia ten pouco de tal cousa, porque realmente recolle realidades que, na maior parte dos casos, foron denunciadas fai xa tempo. O que quizais si é novedoso é quen a publica.
O xornal El País, pouco sospeitoso de nacionalista ou defensor da lingua galega, publica hoxe unha nova-reportaxe sobre discriminacións contra persoas galego-falantes nos máis diversos eidos: xustiza, hospitais, mercado laboral… Tamén se conta a resposta que lle deron a un escritor galego cando pediu que unhas necrolóxicas que encargaba se redactasen en galego:”Home, estamos falando de cousas serias”. O artigo non ten valoracións de ningún tipo, cousa que se habitúa nunha prensa cada vez menos obxectiva, pero non deixa de ser un paso adiante que un xornal coma este se atreva a dar tamén estas informacións.
O artigo recolle casos xa sabidos, como as dificultades coñecidas por Xosé Lois para poder escriturar en galego, casos xa comentados de despidos por falar galego no traballo, casos na xustiza e referencias ao recente “caso COPE”. O dito, sen ser unha novidade ningún destes casos, aledámonos de que comecen a gañar repercusión, pois que se teña coñecemento e consciencia da súa existencia é o primeiro paso para solucionármolos. Nós xa o sabiamos e xa se tiña denunciado, agardemos que agora a nova chegue a xente que antes facía oídos xordos.
Aínda que tamén pode ser que na redacción de El País se colase algunha persoa nova que non sabe moi ben onde está, porque nas familias (e as empresas ao final tamén son unha pequena gran familia) hai de todo. Senón que llo digan a Rouco Varela, o ilustre arcebispo de Madrid. Fai non moito conseguiu que un seu sobriño fose nomeado tamén bispo nesta nosa Galiza, pero mira ti por onde outra sobriña (canaria, esta) vén saír esta semana na portada da revista Interviú, como acostuman ser as portadas desta revista, e cargando duramente contra a familia.
O mundo anda tolo, e cada día vense cousas novas. Que será o próximo? A COPE pedindo a liberdade para os presos etarras? Zapatero falando catalán na intimidade? Estaremos para contalo.


Comentarios Recentes