Martes, 20 de maio de 2008
Hai formas e formas de entender a liberdade de expresión, e a “parroquia popular” ten o seu xeito particular. Un modelo que xa teñen contrastado, por exemplo, na Laracha, queren imitalo agora tamén no veciño concello de Coristanco.

Segundo recolle a prensa local na data de hoxe, o goberno coristanqués (PP) pretende aprobar un novo regulamento municipal no que, entre outras cousas, se limita o número de mocións, preguntas e cuestións que os distintos partidos políticos poden presentar nas sesións plenarias.
Isto xa acontece na Laracha, onde incluso todas as mocións da oposición se debaten por vía de urxencia posto que o goberno nunca accede a incluílas na orde do día. O rexedor coristanqués quere coller o mesmo camiño do seu homólogo e compañeiro de partido, pero non se pensen que ten nada a ver coa liberdade de expresión, non, non sexan mal pensados/as. Trátase, seica, de pór orde.
Non sabemos se, por exemplo, na corporación carballesa falta orde. Cun idéntico número de grupos políticos ninguén ten limitado nada, e de feito o propio PP, que na capital bergantiñá é oposición, ten feito máis preguntas que tres en innumerábeis ocasións sen que nada pasase.
Non queremos pensar mal, pero semella que alguén non ten demasiadas apetencias por contestar preguntas que non sexan as propias, porque argumentar a duración dos plenos non é grande argumento. Entre outras cousas, porque iso é parte do seu salario.


Maio 20th, 2008 at 21:13
Calquera persoa que lese isto ficaría coa boca aberta mais eu non. Son dunha parroquia de Coristanco, precisamente a mesma que a do Sr. Alcalde, e non me sorprenden este tipo de iniciativas.
Fun ao último pleno é é ben certo que é tremendamente pesado estar alí tres horas e media, sobre todo cando non hai sitios suficientes para sentarse e non tes máis que sentar no chan e, aínda que son nova e os meus ósos me permiten sentar no chan, o concello é a casa de todos os coristanqueses e, por tanto, quero estar cómoda na miña casa. Xa nun dos primeiros plenos desde as eleccións o grupo do BNG se queixou disto, mais semella que desde a alcaldía non parecen enterarse. Está claro que lle incomoda que a xente vaia aos plenos. E non me estraña… por que o sr. Alcalde ata lástima me dá… por non dicir que me dá a risa, non quero ser “tan cruel”. Non sabe respostar nin argumentar… cousa normal se non se teñen argumentos sostíbeis e os que se dan non fan máis que provocar o riso e a incredulidade do público asistente.
Para que limitar dese xeito as intervencións da oposición se as súas respostas ás preguntas que lle fan ou ben son sempre as mesmas ou ben responden a todo menos ao que se lle está a preguntar? Con esta redución non se busca que as sesións plenarias duren menos, está claro, o que busca o Sr. Alcalde e que a oposición non poida exercer o seu papel queixándose das múltiples e variadas cuestións denunciábeis en Coristanco.
É evidente que algo había que facer para que as sesións non se alongasen tanto… non sería quizais a solución unha mellor xestión por parte do Sr. Alcalde? Mais, despois de 16 anos vendo o que fixo… iso sería pedir imposíbeis.
A todos os coristanqueses que leades isto, ide polo menos a un pleno por que non hai palabras para definilo. Aí é onde realmente se pode ver a verdadeira personalidade do popularmente chamado “Don Sisi”: déspota, autoritario e incluso maleducado, si si, maleducado, porque é de mala educación facer que unha persoa se sinta incómoda na súa propia casa, e el fai que os coristanqueses se sintan incómodos cando asisten ao pleno, sen teren nin sequera onde sentar na Casa do Concello que, como dixen, é a nosa casa.
P.D.: Alégrome moito que fixésedes mención a este asunto. Espero que a próxima vez que Coristanco apareza aquí sexa por algo máis positivo.