O nacionalismo pode e debe gañar a batalla das ideas. Non tendo do seu lado grandes medios de comunicación nin aparellos de propaganda, nin grandes empresas que o apoien economicamente, a evidencia do acerto dos seus postulados terá de facer posíbel o avanzo do nacionalismo como opción máis positiva para este noso país. O “baby-boom” e o debate que estes días se está a dar, sobre todo en Carballo, arredor da problemática da escolarización infantil constitúen un claro exemplo do acertado das políticas deseñadas polo BNG.
Explicámonos. En Carballo hai estes días algunha que outra lea dialéctica polos problemas de escolarización, e en especial polos problemas de escolarización infantil (tramo 0-3 anos).
No entanto, reparemos nun feito histórico: o PP gobernou dezaseis anos na Xunta de Galiza e na inmensa maioría dese tempo case todos os concellos da bisbarra, sen que se tivesen posto a disposición e programado máis escolas infantís que unha, e moi cativa, en Carballo.
Agora resulta que reparan no feito de que unha vila de 31.000 habitantes carece dunha oferta acaída. Parabéns. Aledámonos da súa caída do cabalo, como San Paulo. Menos mal que o nacionalismo goberna e esas conclusións xa as tirara antes.
Por iso, dende que o nacionalismo chegou ao goberno galego está a provocar a grande revolución no eido do benestar social, e concellos que nin aspiraban a ter, por poboación, escolas infantís, contan xa con este equipamento (A Laracha, Ponteceso) ou van contar en breve (Malpica de Bergantiños). E por iso, en Carballo, o BNG leva xa tempo traballando para que en pouco espazo de tempo teñamos xa dúas escolas infantís máis, que están só á agarda da dispoñibilidade duns terreos que xa están buscados.
Aledámonos de que o PP recapacite. Afortunadamente, o BNG xa era consciente desta necesidade social, e por iso leva xa anos traballando para que sexa unha realidade. O “baby-boom” representa, en Carballo, unha demostración máis de que o nacionalismo pode e debe gañar a batalla das ideas. Incluso o PP sabe xa que tiñamos razón.



Comentarios Recentes