Sábado, 24 de maio de 2008
Á prensa supónselle unha imparcialidade que, maiormente, non ten. Por iso, ninguén se sorprende ao ver titulares de índole totalmente oposta, por exemplo, en El Mundo ou en El País. De feito, todo o mundo sabe xa que os medios xogan un papel crucial na política estatal, con grandes grupos de comunicación apoiando a un bando e zarandeando o contrario.
Aínda que non somos aquí moi amigos de facer caso da prensa de calquera deses dous réximes (socialista ou popular), nas actuais circunstancias, botar un ollo á prensa “da dereita” serve tamén para analizar e comprender a dimensión do que acontece no PP.
E é que, se ninguén defende mellor ao PP que a súa prensa cando toca (campañas electorais, grandes debates como temas igrexa-estado, matrimonios homosexuais…), tampouco ninguén furga na ferida como ela cando toca a hora das navalladas internas.
ABC, por exemplo, é un dos xornais con máis tradición e antigüidade do Estado, e ten claro dende fai bastante tempo onde está. No entanto, hoxe dan vía libre a José Manuel de Prada, quen se despacha cun artigo no que o título xa o di todo: “La derecha bufa“. As lindezas non son poucas, unha das máis representativas e esclarecedoras pode ser: “y ahí los tienen, haciendo el mamarracho, ensayando piruetas y volatines”.
Gloria Lomana, no sempre imparcial xornal La Razón, afirma que xa Rajoy aguanta por sentido da responsabilidade, pero asume que non vai para lonxe. É curiosa, neste artigo, a naturalidade con que asume que “El motín del PP está en pleno apogeo, no por una crisis ideológica…”. Isto é, a propia prensa da dereita deixa ben claro que son navalladas polo liderato e que de debate, máis ben pouco.
Nestes escenarios, por outra parte, pasa o de sempre, e comezan a chover propostas de candidatos e candidatas. Martín Ferrand, dende a súa tribuna no ABC, despois de, máis ou menos e sen que se note, acusar a Rajoy de ter lapidado moito do mellor relevo posíbel (en referencia a Gallardón) ao non contar con certa xente nas listas electorais, aposta claramente xa por un non postulado como é González Pons, quen representa ao fortín valenciano. O xornal El Mundo opta, directamente, por pedir unhas primarias (seica llo consultaron aos seus lectores e lectoras, e o 87% está pola labor) , e din que nesa enquisa a persoa que tería máis apoios sería Gallardón (si, si, aquel a quen onte, ante a súa sede, algunhas ducias de persoas do propio partido acusaban de “cobarde, traidor y asesino”).
En fin, que as augas baixan revoltas no partido da gaivota, e que cando menos prometen non aburrirnos. Seguiremos comentando.


Comentarios Recentes