Mai 12
Luns, 12 de maio de 2008
Esta semana estamos de noraboa: os que quizais sexan os tres mellores contadores do país estarán na bisbarra de Bergantiños nunha semana das letras con espectáculos para todos os gustos. Deixámosvos aquí un aperitivo destas actuacións, animándovos a ir velos e a participar do resto de actividades.
Ler máis… »
Chuza!
Mai 11
Domingo, 11 de maio de 2008

Chuza!
Mai 10
Sábado, 10 de maio de 2008
A localidade oleira de Buño está de noraboa. O Consello de Ministros/as vén de anunciar os premios das belas artes 2007, que buscan premiar a difusión da arte e a cultura, e entre a listaxe aparece a oleiría de Buño, no seu conxunto.
Dende esta modesta tribuna dar os parabéns á toda a xente de Buño que durante tantos anos vén conservando e mantendo viva tan nobre arte. Na listaxe aparecen ademais outros dous premios con raíces galegas: a cantante Luz Casal e o deseñador Roberto Verino.
Algo se debe estar a facer ben na Costa da Morte, porque xusto o día antes (isto é, o xoves) tamén se entregaban en Carballo os diplomas de calidade turística a vinte e nove establecementos das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra, entre os que se atopaban os Baños Vellos ou o Pazo do Souto.
Chuza!
Mai 09
Venres, 09 de maio de 2008
Hoxe vimos de coñecer unha iniciativa ben interesante destas que circulan pola rede. A imitación dos “razzies”, os coñecidos como antióscar, a web Galicia Profunda pon en marcha unha votación electrónica para escollermos ás persoas que menos fixeron pola lingua galega ou, quizais, quen máis a atacaron ou máis dano lle fixeron.
A votación divídese en tres categorías: boina de ouro, sacho de ouro e fouciño de ouro.
O premio boina de ouro será para quen, a xuízo das persoas que voten, menos teña feito en favor do galego ao longo da historia. Dende a web proponse como candidatos iniciais a Francisco Franco Bahamonde e os Reis Católicos, pero xa teñen aparecido outras moitas propostas, tales como Fraga, La Voz de Galicia ou a igrexa católica.
O premio sacho de ouro será para quen menos fixer polo galego nas últimas dúas décadas. Proponse inicialmente a Rajoy, Touriño e a Real Academia, tendo xa aparecido como propostas Paco Vázquez ou a TVG.
O premio ao fouciño de ouro céntrase na peor persoa ou entidade para a lingua no último ano. Dende Galicia Profunda propoñen a Galicia Bilingüe, o xefe de sección do Carrefour da Coruña e os avogados da Cope. Nesta altura figuran xa con candidatura a COPE ou a selección galega de fútbol, aínda que a votación está liderada claramente por Galicia Bilingüe.
Animádevos a participar, a iniciativa é ben xeitosa.
Chuza!
Mai 08
Xoves, 08 de maio de 2008
Moito se ten avanzado, ben certo é, no tema da igualdade. Non obstante, hai mudanzas que van moi amodiño. Zapatero presentou un goberno paritario, o galego case o é, pero na práctica cotiá, no máis próximo, estes obxectivos semellan máis lonxe de cumprirse.
Vén a reflexión a conto de que estes días falamos abondo de Malpica de Bergantiños. Precisamente alí haberá, dende xa, unha das corporacións municipais con menos mulleres, posiblemente, de todo o país. Trala demisión dunha concelleira socialista hai ben pouco, substutuída por un varón, e a recente demisión da nacionalista Emma Abella, que tamén vai ser relevada por un home, ficará unha única muller nun salón de plenos con 13 asentos. Unha porcentaxe paupérrima.
Pero hai outros datos para a análise. En Bergantiños e a Costa da Morte non hai nin unha soa alcaldesa (Gema Freire foino en Corcubión até non hai pouco de xeito ocasional), e case todos os grupos municipais teñen máis homes que mulleres (poucas excepcións, como a do BNG da Laracha, ou algúns casos nos que só hai unha representante e é muller, como no PP de Corcubión ou no BNG de Fisterra).
O dito, déronse pasos adiante, pero as mulleres das terras de Bergantiños e Costa da Morte aínda teñen que facerse oír. É, sen dúbida, algo necesario. As corporacións locais tamén teñen que ser representativas da nosa sociedade.
Chuza!
Comentarios Recentes