Xoves, 08 de maio de 2008
Moito se ten avanzado, ben certo é, no tema da igualdade. Non obstante, hai mudanzas que van moi amodiño. Zapatero presentou un goberno paritario, o galego case o é, pero na práctica cotiá, no máis próximo, estes obxectivos semellan máis lonxe de cumprirse.
Vén a reflexión a conto de que estes días falamos abondo de Malpica de Bergantiños. Precisamente alí haberá, dende xa, unha das corporacións municipais con menos mulleres, posiblemente, de todo o país. Trala demisión dunha concelleira socialista hai ben pouco, substutuída por un varón, e a recente demisión da nacionalista Emma Abella, que tamén vai ser relevada por un home, ficará unha única muller nun salón de plenos con 13 asentos. Unha porcentaxe paupérrima.
Pero hai outros datos para a análise. En Bergantiños e a Costa da Morte non hai nin unha soa alcaldesa (Gema Freire foino en Corcubión até non hai pouco de xeito ocasional), e case todos os grupos municipais teñen máis homes que mulleres (poucas excepcións, como a do BNG da Laracha, ou algúns casos nos que só hai unha representante e é muller, como no PP de Corcubión ou no BNG de Fisterra).
O dito, déronse pasos adiante, pero as mulleres das terras de Bergantiños e Costa da Morte aínda teñen que facerse oír. É, sen dúbida, algo necesario. As corporacións locais tamén teñen que ser representativas da nosa sociedade.


Maio 9th, 2008 at 14:09
Totalmente de acordo, e reafimome en que cando din, e a min dixeronmo moitas veces, e moitas persoas diferentes, que non hai mulleres preparadas para ser concelleiras, e despois ves a preparación das poucas mulleres que hai de concelleiras e a dos homes,as mulleres gañan por unha amplísima goleada, e se ves dous ou tres plenos, non é que gañen a priori, gañan por goleada.