Poesía contra a ignorancia

Hoxe recomendamos... Engadir comentarios

Sábado, 17 de maio de 2008

No Día das Letras (e mañá, odiadas letras, que diría O Carrabouxo), é un bó día para clamar contra quen aproveitan este día de forma folclórica (institucións, La Voz de Galicia…) para presumir dunha lingua que ignoran os 364 días restantes do ano. Por iso, hoxe máis que nunca, lembramos e damos cabida aos versos do grande Celso Emilio Ferreiro.

DEITADO FRENTE Ó MAR…

Lingua proletaria do meu pobo
eu faloa porque si, porque me gusta
porque me peta e quero e dame a gana
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ó ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ó pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
fala-la fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo e arado, proa e rella sempre.

Eu faloa porque si, porque me gusta
e quero estar cos meus, coa xente que sufren longo
unha historia contada noutra lingua.

Non falo prós soberbios,
non falo prós ruíns e poderosos,
non falo prós finchados,
non falo prós estupidos,
non falo prós valeiros,
que falo prós que aguantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
prós que súan e choran
un pranto cotián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas de
tódolos que sufren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ó mar, ise camiño…

1 Comentario a “Poesía contra a ignorancia”

  1. [S.] dixo:

    BSO: DKTC (versión para un Día das Letras Galegas do século XXI). Fuxamos dos mausoleos e deámoslle vida ao galego, por favor!!!

Deixa un comentario

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Log in