Hai tempo xa que se vén defendendo a teoría, que dende aquí apoiamos, de que se non hai conflito lingüístico na Galiza é porque quen falamos galego non queremos que o haxa e aceptamos a situación de desigualdade actual, tolerando a imposibilidade de vermos cinema en galego, de casar na nosa lingua, dunha xustiza digna de ser chamada galega, dun ensino posíbel no noso idioma. Pero mirade por onde, co tempo, non foi así, e os tímidos avances do galego fan que outros levanten a caixa dos tronos e se teñan lanzado xa nunha campaña nada disimulada contra a lingua propia de Galiza.
É de pensar que ao sector que padece galegofobia lle ía ben co goberno de Fraga, pois a súa teoría do “bilingüismo harmónico” mantiña a situación onde querían, nunha clara discrimación cara o galego. A perda de poder progresiva, tanto na Xunta (onde aínda hai dignos representantes deste sector no PSOE, léanse os Méndez Romeu e máis) como no eido local fai que visen a necesidade de artellar a súa loita na rúa. Iso foi o que deu orixe ao nacemento de colectivos como Tan gallego como el gallego ou Galicia Bilingüe.
O peor de todo non é que estes colectivos existan, senón que teñen ao seu arredor xente interesada e activa na loita contra a nosa lingua, e podemos comprobalo botando unha ollada a calquera medio de comunicación.
De feito, a razón de ser desta reflexión vén dunha nova que hoxe recolle La Voz de Galicia. A nova relata como un mozo decidiu renunciar a un posto de traballo por prohibírenlle falar en galego. Até aí, e no contido da información, pouco que obxectar. O interesante é ver que La Voz decidiu (cousa que fai veces contadas en cada xornal, e a escolla non podemos nin queremos pensar que sexa casual) abrir esta noticia, permitindo comentarios.
Nesa longa sesión de comentarios podemos ver que o sector máis antigalego está activo e coas fouces preparadas, e que van cargar con todas as súas ganas. Aquí deixámosvos unha escolla dalgúns comentarios que merecerían unha resposta que non lles imos dar (quizais, de feito, sobren as palabras) e que revelan o que dicimos. Amigos e amigas, é hora de non ficarmos en silencio, é hora de falar e reivindicar a nosa lingua, porque para cargar contra ela xa hai xente de abondo. Cadaquén como queira, en colectivos, a través da rede, coa súa actitude vital e persoal reivindicando no cotián, pero a nosa lingua precisa de nós e dun uso consciente. O dito, quedades cunha breve escolla do lapidario antigalego, abstéñanse persoas sensíbeis.
“Desde logo esto e increible! Non sabe falar castelan? eu no meu traballo falo castelán e cos meus amigos, falo galego, e todavía non morrín por elo. Paiaso!”
“ Lo que pasa es que este tipo no tiene ganas de trabajar. debe ser de los de “NUNCA MÁIS traballar”. “
“Y con lo que queda por llover, parece mentira que el debate se centre en si este señor puede o no puede hablar en gallego con sus compañeros.”
“Cada vez me da más asco el uso que se le está dando al idioma gallego en Galicia. “
“¿Estos nuevos fascistas, son los que nos quieren salvar de la derecha?. Antes era Franco, ahora son estos nacionalistas irracionales y violentos que nos quieren imponer sus descerebradas ideas”
“cada cual que hable lo que quiera en sus circulos pero para trabajar en castellano, “
“Me hace gracia el “pollo” este”
“Pues nada, chico, a apreder el Castellano… Estamos en España, así que nunca te sobrará”
O dito, a loita continúa… e cada día é máis necesaria.





Comentarios Recentes