Hai non moito o país e o estado semellaban paralizados, había unha crise galopante e a situación non tiña saída. Todo era pedir rodar de cabezas e medidas do goberno. Apenas unha semana despois, xa nada diso acontece, todo é “furor” pola “roja”, que é o que ocupa os xornais e telexornais. Como noutros tempos a igrexa, agora o fútbol semella ser o opio do pobo. Pan e circo, amigas e amigos.
No entanto, que aconteceu? Hai crise ou non hai crise? Pois todo dependerá de a quen se lle pregunte, incluso dentro do propio goberno do estado. O que si é certo é que a situación a pé de rúa, que é onde de verdade importa, non é boa. A subida brutal do prezo dos carburantes e unha economía dependente do petróleo até extremos imperdoábeis fan que a situación sexa grave.
A cuestión é que Zapatero e a súa xente malamente pode permitirse falar de crise, e por iso anda buscando tristes eufemismos como esa “desaceleración acelerada”. E non poden falar da crise porque tal non había, seica, antes das eleccións, e non ía aparecer agora de repente. E non poden falar da crise porque non teñen medidas nin as queren ter.
A razón: o PSOE tamén cre no actual modelo neoliberal que é o causante desta situación. O actual goberno é cómplice e corresponsábel do actual deseño económico, e as “medidas” que propoñen non fan máis que reforzar o seu modelo: axudas directas (medida dos 400 euros, supresión do imposto sobre o patrimonio…), poñer en cuestión o sistema de seguranza social… Todo isto ao tempo que construíron unha economía fortemente vinculada ”ao ladrillo” descartando o fortalecemento dos sectores produtivos e non fixeron a aposta precisa en I+D.
En liña distinta algo se está a facer desde o noso país (concurso eólico con repercusión no país, aposta pola vivenda protexida, aposta polo medio rural…) mais a macroeconomía, a globalización, fan que as grandes decisións escapen do noso ámbito de decisión, e os resultados vense en momentos coma este.
En todo caso, a crise tamén se ve de forma distinta segundo quen mire. Ollade, para rematar, algúns datos: a banca gañou no primeiro trimestre do ano un 10% máis que en igual período do ano anterior (”tan só” 5000 millóns de euros máis), as empresas que cotizan (especulación…) no IBEX medraron máis dun 16% máis, e os beneficios das grandes empresas poden chegar a escandalizar (Banco de Santander, 2200 millóns; Telefónica, 1500 millóns; Repsol, 1200 millóns…). Xa que logo, crise, que crise?





Comentarios Recentes