Moito toca falar ultimamente de Europa, pero case que non queda outra. A clase política europea aínda se pregunta polo non de Irlanda, e quizais parte do rexeitamento que a Europa que nos queren construír xera estea ben ás claras en feitos que se viron esta semana. Xa temos falado aquí da pretensión de ampliar a xornada laboral semanal máxima a 65 horas, o cal ninguén en Europa lles vai perdoar, e agora destápanse coa aprobación dunha directiva brutal cara á inmigración, que case nos pode levar a falar directamente de racismo. Esta non é a Europa que queremos.
A nova directiva europea pretende, seica, harmonizar as políticas europeas en materia de inmigración, isto é, buscar unha postura común. E esta pretensión, a da postura común, ten unha parte perdedora, coma sempre, a máis feble. O colectivo inmigrante perde aínda máis dereitos, deixando case de ser persoas para converterse en papeis: se tes documento es persoa, senón non o temos de todo claro.
A directiva da vergoña permite, por exemplo, que se poida reter a inmigrantes ilegais até 18 meses. 18 meses!! 18 meses de privación de liberdade (chamaríase secuestro, se non fose que quen executa é o estado) polo único delito coñecido de carecer dun papel. Pero o máis vergoñente non é xa iso, é que non houbo unanimidade na votación (aprobouse só por 40 votos de marxe no parlamento europeo), pero non “pola esquerda”, senón porque había países como Francia que aínda pedían medidas máis duras.
Nós témolo claro. Esta Europa que nos están a construír non é a que queremos. Tras o non de Irlanda déronlle unha nova marxe, e albíscase un novo referendo. Chequia e Gran Bretaña están en dúbidas legais e non está claro se terán que facer referendo ou non. Agardemos que a voz da cidadanía acabe abrindo as orellas á clase dirixente europea.




Xullo 9th, 2008 at 15:58
[...] a UE, e trata no seu artigo de cuestións que tamén aquí foron obxecto de reflexión, como a directiva do retorno, a xornada laboral de 65 horas ou o non irlandés. Ler [...]