Luns, 09 de xuño de 2008
Pode parecer unha broma de mal gusto, pero non o é: “A Unión Europea baralla ampliar a 65 o número máximo de horas de traballo semanais” (noticia no GzNación). Neste escenario que nos descobre, máis unha vez, a Europa “social” que nos están a construír, Irlanda toma este xoves a palabra.
Xa temos falado aquí que, tras os “non” de Francia e Holanda ao tratado constitucional europeo, os xefes de estado da UE se puxeron pronto as pilas para redactar un novo texto, o Tratado de Lisboa, que recollía no fondo os mesmos contidos que a cidadanía francesa e holandesa non aceptara, e xa lle teñen data de entrada en vigor: o 1 de xaneiro de 2009.
Para que iso saia adiante, só resta un obstáculo: Irlanda é, que se saiba, o único país da UE que vai someter a referendo o novo tratado, mentres que todos os demais (incluso Francia e Holanda, desprezando ao seu electorado) o aprobaron por vía parlamentar ou o van facer ao longo deste ano. No entanto, en Irlanda as enquisas andan axustadas e a estas alturas é difícil adiviñar o que acontecerá.
Sen entrarmos a fondo no contido do tratado lisboeta, cabe agardar o triunfo do non, aínda que só sexa por un motivo: reivindicar o poder da cidadanía. O actual tratado de Lisboa foi elaborado de costas á xente, reescribindo un texto ao que se lle dixera que non, e eliminando as poucas opcións que anteriormente houbera para o seu debate.
Outra razón podería ser un dos lategazos informativos que hoxe nos despertaban: a pretensión da UE de eliminar a limitación da xornada de traballo até situala nun límite que non é tal (65 horas é unha barbaridade, se poñan como se poñan; supón, por exemplo, case once horas de traballo ao día durante seis días á semana), e que revela cal é a Europa que nos queren construír.



Xullo 9th, 2008 at 15:56
[...] artigo de cuestións que tamén aquí foron obxecto de reflexión, como a directiva do retorno, a xornada laboral de 65 horas ou o non irlandés. Ler [...]