E se isto pasase en Cuba ou Venezuela?

Revista de Prensa Engadir comentarios

Mércores, 25 de xuño de 2008

Xa se ten falado nesta tribuna do difícil que é considerar imparcial á maioría da prensa mundial. E, peor aínda, moitas veces os silenzos son ben máis elocuentes que os longos discursos. A prensa estatal é grande amiga de contar en grandes titulares os ataques á liberdade de expresión cometidos por Cuba ou Venezuela, seica, pero non aplica igual raseiro con outros países. Véxase.

Esta semana, Alemaña, país supostamente democrático e garante das liberdades, así como un dos motores da moderna UE, acaba de mandar á cadea a un xornalista que tiña por toda culpa manifestar sospeitas de a CIA estar detrás de escuras manobras para cambiar o panorama político sirio. Descoñecendo dende aquí a realidade ou non desas afirmacións, tampouco sorprendería coñecendo o historial da CIA e a política internacional seguida polos EEUU. Mais, que relevancia tivo isto na prensa? Ningunha? Medios que se esforzan en dar detalles e máis detalles cando os aludidos son outros (os gobernos cubano e venezolano, por exemplo) non atopan agora oco para unha mínima reseña e, incluso, para defender a un compañeiro encarcerado por facer o seu traballo.

Proben co ”método google”. Introduzan neste famoso buscador (vaia, ou en calquera outro, nós fixemos a proba con este) o nome do xornalista encarcerado: Jürgen Cain Külbel. Dos 71 resultados que amosa para “páxinas en español” non hai nin unha soa que conduza a medios como El País, El Mundo, ABC, La Razón… Os únicos espazos que atopa esta nova son do que poderiamos chamar prensa alternativa (Vieiros, Rebelión, La Haine… e blogues ligados ao movemento antiimperialista) pero nada na prensa tradicional (tan só algunha reseña nun foro da Cadena Ser e nun blogue en RTVE, isto é, incluídos por particulares e non por quen di informar).

Pódese considerar a búsqueda moi selectiva. Probando a búsqueda só co apelido, Kübel, o número de páxinas encontradas é aínda maior, mais das que pola nosa parte se comprobaron (case un cento) o resultado foi idéntico.

Xa que logo, amigos e amigas, teñan coidado coa información, porque a obxectividade, aínda que se presuma dela, non sempre se ten: cadaquén é fillo/a de seu pai e súa nai.  

Deixa un comentario

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Log in