Hai futuro para a pesca galega?

Hoxe recomendamos... Engadir comentarios

Martes, 24 de xuño de 2008

Sempre que hai momentos de crise, e ao final semella haber acordo en que este é un deles, póñense enriba da mesa alternativas para os sectores produtivos. Na Galiza, tristemente, xa é habitual escoitar receitas europeas que inclúen verbas como “reconversión” ou “medidas sociais de acompañamento” que o que buscan, de forma eufemística, e agochar o seu verdadeiro interese: destruír un dos nosos sectores produtivos estratéxicos. Por iso, nesta altura máis que nunca, traemos a este blogue (”roubado” do de Fandi Arzúa) un artigo do deputado nacionalista Bieito Lobeira, sob o título “Crise na pesca: hai alternativa”. 

Crise na pesca: hai alternativa

Joe Borg, Comisario de Pesca da UE, anunciaba recentemente a receita comunitaria, xa tradicional, para superar a crise do sector pesqueiro xerada polo incremento de prezos dos combustíbeis. Consiste nunha nova “reconversión” da flota, en propiciar máis despeces (convenientemente subvencionados), en diminuír a capacidade produtiva, en perder aínda máis postos de traballo no mar. A reacción do sindicalismo de obediencia española –UGT e CC OO– non se fixo esperar: Efectivamente, hai crise, por suposto hai que reducir flota, mais, iso si, con “medidas sociais de acompañamento” consistentes en prexubilacións, planos de pensións, etc.

Afortunadamente hai nacionalismo na Galiza. Político e sindical. Que proclaman a defensa do sector pesqueiro galego como peza chave en calquera proxecto de futuro para a nosa nación. E que saben que a superación da crise non pode vir nin pola degradación (aínda máis) das condicións de traballo dos mariñeiros galegos –o que eufemisticamente están a denominar desde o PP “redución de custos laborais”– nin pola perda de emprego ou de unidades operativas.

A este país o que lle fai falta é poder político. Un espazo galego de libre decisión que nos permita controlar as importacións, estabelecer normas de etiquetaxe con identificación de orixe, decidir sobre tallas mínimas e criterios de comercialización, sobre a potencia instalada nos motores, sobre os portos de interese xeral do Estado, sobre salvamento marítimo, inspección de buques ou oceanografía, sobre a presenza institucionalizada de Galiza en todos aqueles foros –comezando pola UE– nos que se xogan os nosos intereses. A lista de necesidades é demasiado longa.

Unha nación como a nosa, cunhas condicións naturais extraordinarias, únicas en Europa, para a produción pesqueira e marisqueira, cun peixe e marisco de calidade excepcional, mais sen instrumentos ou resortes de poder político propio, é concibida dende Bruxelas e Madrid como un bon mercado de consumo, mais tamén, simultáneamente, como un perigoso competidor produtivo ao que hai que eliminar. Velaí o problema real, de fondo.

E hai alternativa. Hai futuro. Dende Galiza e para Galiza. Podemos sair adiante colectivamente se somos quen de pór en valor o que producimos. E é posíbel. Xa o dicía o noso Castelao: “As sardiñas volverían se os gobernos quixesen”.

Deixa un comentario

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Identificación