O día despois

Revista de Prensa Engadir comentarios

Sábado, 14 de xuño de 2008

O día despois de coñecérense os resultados do non irlandés ao Tratado de Lisboa as caras son aínda de asombro, decepción, e continuas chamadas a seguir adiante (semella que non queren escoitar) dos grandes líderes da unión, habendo incluso quen proclama a continuidade deixando atrás a Irlanda e, incluso, o Reino Unido, o outro grande país euroescéptico, onde hai presentada unha demanda xudicial para esixir un referendo.

A prensa, “sempre obxectiva”, coincide practicamente co manifestado pola clase política, difundindo incomprensión e incredulidade. El País fala de crise aberta e de fracaso institucional, aínda que deixa claro que, evidentemente, a UE seguirá a funcionar como até o de agora. El Mundo sinala xa a vindeira semana como clave, onde haberá reunión de xefes de estado e se barallará a saída á situación creada, aínda centrándose nas palabras de Durao Barroso de que isto ten que seguir para adiante.

Da longa listaxe de opinólogos que nos brindan os medios na rede, quizais a opinión que máis poidamos aplaudir sexa a de Víctor Freixanes en La Voz de Galicia, que sinala á clase política como a gran derrotada, e indica que, como neste blogue se ten dito, non é unha cuestión de antieuropeísmo senón do modelo de Europa. No entanto, o mesmo xornal dá cabida a Xosé Luis Barreiro Rivas, quen sinala que dunha forma inequivocamente democrática Irlanda acaba de cometer un grandísimo erro (non entendo entón para que serviría a democracia, se tiñan que ter votado si ou si?), e despáchase a gusto con este país, recordándolles o ben que lles veu a integración na UE e acusando  ao “demencial sistema de ratificación dos Tratados” do actual fracaso (claro, demencial, só consultan a un país de 27, pero aínda lles parecerá moito).

Na liña de Barreiro Rivas, pero máis breves e contundentes son no xornal La Razón, onde baixo o suxestivo título “No se pueden quejar” lles recordan todo o que lles reportou a UE e lle lembran o que significan, apenas  o 1% da poboación afectada polo tratado.

O editorial de El País entra a analizar polo miúdo as consecuencias do “non”, pero deixando ben clara a súa postura e insistindo no que parecen querer converter no novo lema: un só “non” non pode paralizar todo o proxecto. El Mundo tivo outra boa idea, cal foi a de abrir un foro para que a xente dixese o que pensaba (e iso está ben, por suposto), e xa se van oíndo algunhas lindezas que, por outra parte, demostran tamén o público que ten este xornal:  ”Hay que encontrar el camino para que Irlanda y Reino Unido abandonen la UE y podamos avanzar los demás tranquilamente.”, “Me temo que no recuerda el ‘Celtic Tiger’ de donde le han venido todas las energias, aparte de los primos de America. ” ou “En los 35 años que Irlanda ha pertenecido a la Comunidad Europea, ha recibido mas de 40.000 millones de euros, mas del doble de lo aportado por ellos, si han crecido y prosperado es gracias a la comunidad y no quieren avanzar en la construcción de Europa, pues que se piren, que se vayan. Que dejen de estorbar y lo mismo iria por UK.” son algunhas das perlas, aínda que tampouco falta xente que aplaude a decisión irlandesa.

En todo caso, a sempre obxectiva prensa reflicte bastante ben o sentir xeral da clase política europea. Agardemos que, no futuro inmediato, como en Irlanda, sexa a cidadanía quen teña máis oportunidades de expresarse.

Deixa un comentario

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Log in