Luns, 30 de xuño de 2008
Quizais non sexa un bo día para este comentario, ou quizais sexa o día. Nadar
contra a corrente pode considerarse un suicidio, mais no dialéctico debe considerarse un deber se non queremos quedar subsumidos no pensamento único, posto que “a corrente” (se entendemos como tal o aparello mediático sementador de opinión) camiña sempre no mesmo sentido da marcha, aínda que unhas veces, como é o caso, o faga cunha virulencia esaxerada. Falemos, entón, de fútbol, e de como algo tan banal se converte en santo e seña, arma violenta e arroxadiza do españolismo máis furibundo.
No futbolístico pouco hai que comentar, porque sobra quen o faga. Pódese dicir, e quizais sexa certo, que España é xusta campiona. Futbolisticamente falando, só Holanda fixo un fútbol parello, e despois esnafrouse nun mal partido contra Rusia. Pero non, non imos falar aquí de fútbol, cando menos non imos entrar en análises dos partidos, tácticas e demais.
Tampouco se quere hoxe afondar no debate e/ou conflito identitario, xa que iso é en parte razón de ser deste blogue, e no todo ou na parte está presente no conxunto dos artigos. Limitémonos a dicir que pediriamos que se entendese que, cando menos, algunha xente consideremos que non temos nada que festexar hoxe. De feito, polo que se ten dito, o máis galego que houbo na “roja” era Fernando Torres, que seica veraneou na Costa da Morte de pequeno porque seu pai era natural de Boqueixón.
Dúas son as cuestións que hoxe se querían tocar aquí principalmente, cal son a sobredimensión do fútbol e o papel dos medios.
No que toca ao primeiro, xa resulta triste, incluso para o estado español, todo este circo. España foi campiona mundial de moitos deportes, por exemplo de baloncesto e non hai moito, e non houbo tal parafernalia. E Galiza aínda recorda a un David Cal que xa gañou de todo en todos lados (olimpiadas, mundiais, europeos) ou a un Óscar Pereiro gañando nin máis nin menos que un Tour de Francia, e non se viu tal romaría de cargos institucionais para correr a felicitalos, nin os miles de minutos nos diferentes medios de comunicación.
En todo caso, que o fútbol está sobredimensionado é algo que non vén de hoxe. Abonda ver que pretendan pagar case 100 millóns de euros polos servizos dun só home para entender facilmente que isto deixou hai tempo de ser un deporte para converterse nun espectáculo mediático.
En canto aos medios, cumpriron á perfección o seu papel, que non é o de informar, senón o de crear opinión, aínda que sexa coa ausencia total de argumentos. Neste caso non eran precisos, chegou unha palabra (”podemos”) e velaí todo o mundo a facer o que se supuña que tiña que facer.
O da emisora titular dos dereitos de emisión da Eurocopa era de agardar, como se dixo isto é un negocio e xogábanse cartos, polo cal é lexítimo que tentasen sacar o máximo partido da súa compra. Aínda así, semella pouco discutíbel afirmarmos que se acadaron graos de patetismo poucas veces vistos: repetiron até catro veces seguidas (en apenas un minuto) a imaxe do “principiño” abrazándose a Leticia no festexo dun gol; repetiron a dúas e a tres veces partidos enteiros do campionato nos que xogaba a selección; os goles foron emitidos un número incontábel de veces; as previas duraron horas e horas (anda que non hai cousas das que informar no planeta…). En fin, que Franco, promovendo a formación do “espírito nacional” ao lado destes era un principiante. A modo de brincadeira final, recordemos a liorta que se montou aquí dicindo que Quintana quería obrigar a nenos e nenas de apenas un ano a aprender o himno. Máis aló do absurdo desta idea (ningún infante de 1, 2 anos sería quen de tal), agora ninguén se rasgou as vestimentas polas imaxes dun cole austríaco no que lle escribían na pizarra e lles facían repetir en alto a alineación da selección española a un grupo de escolares de non máis de seis ou sete anos. Pero claro, iso entra dentro do circo e polo tanto está permitido.
Máis aló de Cuatro, o escenario non cambiou. É paradoxal que, a pesares de estarlle facendo campaña á competencia publicitando partidos que retransmitía outra canle, o nivel de patetismo aquí chegase tamén a límites insospeitados, pois o resto de medios non tiñan necesidade. Ver a xornalistas do corazón facer análises de partidos sen teren, a maioría, o máis mínimo coñecemento do deporte en cuestión, ou ver a profesionais de caché axitando bandeiriñas (caso, por exemplo, da presentadora do telexornal de A3 do mediodía do domingo) revelan até que punto os medios de comunicación decidiron deixar de informar para convertérense e sumáronse á masa forofa cal Manolo do bombo. E é paradoxal e triste que unha unidade dos medios que non se conseguiu, por exemplo, na defensa da paz (hai que recordar posturas ben dispares, por exemplo, nos ataques ianquis a Iraque), se consiga por algo tan “importante” como o fútbol.
O fanatismo ou forofismo desatado darredor desta Eurocopa permítenos facernos algunhas preguntas: quen reclamaron con tanta insistencia coñecer as facturas da promoción cultural galega en Cuba, reclamarán agora tamén as facturas da numerosa delegación que se foi de paseo a Austria, dende El-Rei (non Elvis, o outro) até ZP, pasando por medio goberno do Estado? Quen se preguntaban non hai moito polos custes que tiña a organización dos partidos das seleccións galegas non se van interesar sequera un chisquiño polo que se ha de pagar en concepto de primas a profesionais que xa cobran uns salarios de vergonza? Quen, no eido local, poñen o berro no ceo polos custes das dedicacións exclusivas da clase política, non van preguntar sequera un algo polo esforzo económico que calquera mínimo concello fixo para colocar pantallas xigantes en mil recantos? Ou é que cando se trata da formación do espírito nacional todo iso xa non importa?
A tolerancia que se ten con quen monta o circo, témola con quen acode ao espectáculo. A xente prefire ser masa, moitas veces dá igual o que se festexe, a xente é feliz facendo festa, e iso dá lugar a que na xeografía do estado haxa festas do máis diverso sen que iso signifique que nos teñamos que identificar con elas: dende tirar unha cabra dun campanario até peregrinar a diversos santuarios en honra dunha mesma virxe que seguramente nunca pisou estas terras. Pero dános igual. Gústanos a festa, e quen non está coa masa asume que a masa ten dereito a facer festa.
Por iso, cando normalmente montariamos un escándalo no noso respectivo consistorio polo ruido da zona de ocio veciña, nestas ocasións aceptamos con naturalidade que a xente ande facendo barullo ás tantas da mañá aínda que o día seguinte sexa luns. Por iso, cando normalmente se vemos alguén tocando o claxon do coche na rúa nos irritamos, nestas cuestións admitimos que calquera rúa se vexa inundada polo balbordo dunha morea de entusiastas. Por iso, cando normalmente considerariamos un espectáculo lamentábel ver a un grupo de xente bañándose nunha praza pública e o relacionariamos cun forte estado de embriaguez, agora vemos iso como un normal acto entre xente contenta.
Somos así. Gustamos de ser masa, e nestes tempos, pensar, ir a contra corrente, non está moi ben visto. Quen non temos nada que festexar contentámonos con que isto pasará e a normalidade voltará. Quedan uns días en que seguirán repetíndonos goles, pasearán o título polos máis diversos santuarios e institucións oficiais e, á volta diso, tocará volver a falar do prezo do petróleo, do paro, da Europa que camiña ou non… Volveremos a pensar, aínda que só sexa un chisquiño.


Xuño 30th, 2008 at 18:11
Respostoche cun feito real: En certa ocasión un home da Costa da Morte, xa de vello, tivo que ir a vivir cunha irmá que tiña en Madrid, para que poidese cuídalo. Cando ían dous meses de estancia alí, o seu estado de saúde ía a pior e díxolle a irmá: - Carme, lévame para a miña casa en España, eu aqui non che sei vivir.
Xuño 30th, 2008 at 18:55
Ola!
Pois sonche un pouco dos teus. Digo un pouco, porque se ben non che estou precisamente contento hoxe (inda peor, durmín coma o cu) sí e certo que como futboleiro que son vibrei vendo o partido e alégrome da victoria do equipo español. Pero non por iso deixo de sentirme menos galego nin máis español que fai dúas semanas.
No tema das masas penso que andas acertado, mais penso que todos acabamos movéndonos en masa (xa sexan maioritarias ou minoritarias, promovidas por unha canle de tv ou por un manifesto a prol dunha lingua).
E sí, a xente gosta da festa porque sí. Mais eu non creo que sexa algo tan malo.
Saúdos!
Xuño 30th, 2008 at 19:26
Panem et circus!! Xa decían os vellos romanos conquistadores que con iso tes o pobo tranquiliño!!! E daqueles polvos…estes lodos. O fútbol convertiuse nun opio de alto grao de adicición. O destas semanas é de xulgado de guardia…estou completamente de acordo contigo. Nesta fin de semana, os españolitos olvidaronse da crise, do prezo do gasoleo, do EURIBOR…e ALA! a desenpolvar o máis rancio patrotismo, os pasodobles mái cañís, e a montera de manolete. A min, que che vou contar, me produce mais ben sarpullido. Será que o circo sempre me deu medo. E se a carpa é “rojigualda”…máis.
Xuño 30th, 2008 at 19:40
Eu estou que revento, ladro e pouco me falta para trabare!!
Se ben, onte vin o partido, gustoumo o xogo do equipo español e gustoume que gañaran (se se enfrontaran a outra selección se cadra o pensaba pero eles tiñano merecido) pero hoxe tou farta. E farta entre outras moitas cousas que me ferven (como de por si ver tanta bandeira española) porque:
Non entendo pq carallo hai case máis bandeiras co puto torita que co escudo oficial… Merda xa, que o touro e un tópico estúpido, gastado e obsoleto!!!
Non entendo como un país en crisis se pode gastar tanta pasta en “vicios”. Di ti que son prioridades, pero e que eu non teño ningunha prioridade a que poida dedicarlle tantos cartos que non sexa sobrevivir e chegar a fin de mes!!
Farta estou de ver a avoa, a tía a nai e a sogra dos futbolistas en todas as cadenas de Tv, e que non haxa alternativa real na tele que ver ( por non falar da mosca en todas as cadeas co campeones ou a bandeira…)
E o que me rematou de tocar os mismisimos onte a noite foi q cando empezaba a coller o sono ( case 2 da maña) pasaran un grupito de “forofos e forofas” que consorte chegaban os 17 cantando “Yo soy español, yo soy español…”
Despois sale xente dicindo q por fin se ten orgullo de sacar a bandeira que nadie o facia para non parecer facha e que se lle ten certo medo a sacala…. Había que ver o que me pasa a min na rúa se saio agora e digo, ” Non son española, son unha galega, non son española nin con eurocopa nin sin ela”
Se cadra zoupanme!
Xuño 30th, 2008 at 20:48
Moi ben a análise, un saúdo.
Xullo 1st, 2008 at 13:12
O certo e que a cobertura mediática foi excesiva, e o feito do enarbolamento da bandeira “nacional” por non sentirse, xa sexa na man ou na cara chegaba a ser un requisito indispensábel.
Somos partes de masas, agora ben, nós decidimos en que masas estamos. E eu podo celebrar unha festa pola eurocopa un día, non durante dous meses esquecéndome de todos os problemas que realmente me preocupan, principiando polas desigualdades no mundo.
Estupensa a análise e encantoume sobre todo esa explicación da dobre vara de medir que usan os políticos e que se usa co fútbol e co españolismo.
Eu quería facer unha camiseta:
“Non quero unha eurocopa
Quero a un euro a copa”
En fin, do paso de cuartos tamén había un artiguiño, permítanme que lle faga aquí spam: http://sempreengaliza.blogspot.com/2008/06/xxiii.html
Xullo 1st, 2008 at 17:15
Sinto vergoña de ser humana,tantos cartos a derrochar,tanta festa por ver a uns homes ir detrás dun coiro polo que lle pagan verdadeiras barbaridades de cartos,e no nos damos conta de que cada segundo un neno morre por inanicion….somos pior cos animais
Xullo 4th, 2008 at 16:07
[...] collen deportistas (por certo, sen o consentimento dos afectados) e, velaí, deporte e patriotismo. Isto tamén xa o tiñamos analizado. Vexan a [...]
Xullo 9th, 2008 at 15:57
[...] cun título moi suxerente: “outro mundo posible; outra España, imposible”. Partindo do tema do fútbol como sedante ante a crise, e rematando tamén no tema do mencionado manifesto, trata con boas [...]