Primeiras navalladas pola dereita

Está pasando Engadir comentarios

Xoves, 26 de xuño de 2008

O Partido Popular escenificou esta pasada fin de semana unha unidade ficticia na que practicamente todo o mundo dixo o magnífica que era a nova secretaria xeral así como o novo equipo, parabéns que viñeron incluso do bando máis díscolo, por exemplo Esperanza Aguirre. Porén, as navalladas non tardaron nin unha semana en chegar.

Hoxe coñeceuse que, coa excusa da crise económica, “Espe” vén de promover unha remodelación no seu executivo autonómico. Sorpresa, sorpresa, entre os primeiros caídos están Alfredo Prada e Manuela Lamela. Que teñen de particular estes dous dirixentes do PP madrileño? Pois que ambos os dous forman parte do novo equipo de Rajoy, equipo para o que non se contou coa propia Aguirre.

Espe demostra así que “na súa casa” manda ela, e responde ao desplante de Rajoy (que incluiu na dirección partidaria a Gallardón e algúns afíns pero non á presidenta da Comunidad de Madrid) marcando as distancias.

Outro rumor sinala tamén que, aproveitando a “crise de goberno” en Madrid, Esperanza Aguirre tentou captar para o seu bando a Manuel Pizarro, quen fora a aposta estrela de Rajoy nas pasadas eleccións e se quedou en deputado raso, sen ningún papel relevante no proxecto marianista e sen opcións de ocupar a que ía ser a “súa” carteira ministerial de economía tralo fracaso electoral.

Así pois, a “pax popular” durou ben pouco, houbo quen apenas deixou que se apagaran os focos do congreso. Aguirre foi xa quen, nas datas previas ao conclave, comezou as andanadas ameazando con presentarse e disputarlle o liderado a Rajoy. Agora, como entón, chegará máis mar de fondo á nave da gaivota?

Deixa un comentario

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Identificación