Xoves, 31 de xullo de 2008
Apagha a tele! é unha canción do magnífico grupo de hip-hop de Ordes, Dios ke te crew, e tamén podería ser o nome dunha iniciativa que comeza a circular pola rede e que, dende aquí, humildemente, queremos publicitar e apoiar.
A iniciativa sae ao paso do apoio que Tele 5 prestou publicamente ao “Manifiesto por la lengua común”, manifesto que pide unha maior regulación en favor do castelán e contra as demais linguas do estado, como a galega, defendendo a asimetría para as linguas e o aumento dos privilexios para a “súa lingua común”. Non só apoiaron publicamente e asinaron o manifesto, senón que ademais informaron nun telexornal do mediodía de que puñan a súa canle a disposición desta iniciativa. A actitude de Tele 5 coas linguas distintas do castelán, por outro lado, tampouco é nova, só hai que lembrar o desprezo co que tratan a nosa toponimia, a pesar das moitas queixas que se lle fixeron chegar, e a persistencia no uso de “La Coruña”, “Orense”…
Xa que logo, a iniciativa convida, e dende aquí convidamos tamén, a dessintonizar Tele 5 dos nosos aparellos de televisión, a non volver conectar con esta canle, a ver se pola baixada das audiencias entenden. Igualmente, aínda que parte de Catalunya, tamén se pode apoiar outra iniciativa de envío de mails masivos, tanto a Tele 5, como ás empresas anunciadoras como á administración, de queixas pola actitude desta canle. A iniciativa, da Plataforma per la Llengua, é totalmente on-line, polo que non custa nada darlle un empuxón, e podedes facelo desde este enlace.
Por suposto, quizais aínda máis recomendábel que todo o anterior sexa facer caso aos Dios ke te crew, e directamente apagar o aparello de televisión.
Get the Flash Player to see this player.
Chuza!





Comentarios Recentes