Mércores, 23 de xullo de 2008
O vindeiro venres festexaremos, un ano máis, o noso día grande, o Día de Galiza, o Día da Patria. Vén sendo así dende hai case nove décadas, e así seguirá a ser cada ano con máis forza.
O 25 de xullo foi instaurado como Día da Patria polas Irmandades da Fala no ano 1919, festexándose por primeira vez o ano seguinte. Prohibido durante a ditadura, foi non obstante conmemorado por sectores do galeguismo na emigración, e dentro do país, a Unión do Povo Galego e o Partigo Socialista Galego (pouco que ver co actual PSdeG) volveron convocar unha manifestación no noso país no ano 1968, manifestación que acabaría con cargas policiais.
Aínda que coa chegada da democracia a Xunta proclamou no ano 1979 o 25 de xullo Día de Galiza, as manifestacións seguiron a estar prohibidas até ben mediados da década dos 80. No entanto, AN-PG e BN-PG convocarían manifestacións no noso día grande, con diversos resultados no que toca á represión policial, e dende entón vense xa organizando ininterrompidamente.
Na actualidade, o BNG convoca todos ano a ano unha manifestación que, saíndo ás 12 da mañá da alameda compostelá e rematando na Praza da Quintana, reúne todos os anos a milleiros de persoas. Ademais, van xa varias edicións, Galiza Nova, a Fundación Galiza Sempre e unha comisión de diversas persoas organiza o festigal, que durante dous días rende tributo a esta nosa terra.
Non o esquezas, o 25 de xullo, Día da Patria, todos e todas a Compostela.


Comentarios Recentes