A corporación malpicana ou o máis difícil imposíbel

Está pasando Engadir comentarios

Luns, 28 de xullo de 2008

O escenario político en Malpica de Bergantiños semellaba complexo tras as últimas municipais, mais as actuacións dos distintos partidos non fai máis que complicalo. O alcalde, Ramón Varela (PSOE), renegou da opción dun pacto de goberno estábel, e converteuse no único de toda a bisbarra de Bergantiños en gobernar en solitario. As cábalas que o levan a seguir “vivo” son cada días máis rocambolescas: unha alcaldía debida á lealdade do BNG, que o votou para o bastón de mando en cumprimento dun acordo nacional; unhas dedicacións exclusivas (a súa e a do seu socio de goberno, Alfredo Cañizo) aprobadas grazas ao PP; os orzamentos do presente ano sacados adiante con malas artes, aproveitando a falta de dilixencia da administración local (ou quizais provocándoa?) e a ausencia/retraso na toma de posesión dun concelleiro do BNG. Agora, a fractura do Partido Popular en Malpica de Bergantiños abre novas incógnitas.

O que para a maioría da xente semella claro é que nada, ou case nada, acontece por casualidade. A rumoroloxía popular, que quizais non diga toda a verdade pero algo de auga levará o río cando sona, apuntaba facía tempo aos intentos do alcalde por buscar, nos sete asentos da oposición, un concelleiro que completase a súa insuficiente minoría gubernamental.

Neste panorama, a case ninguén pasou inadvertida a mistura de intereses recentemente producida. Unha obra, denunciada por ilegal e acometida polo concello malpicán, estaba a ser executada pola empresa dun edil da oposición, neste caso o até onte portavoz do PP. Nada tería que ter de raro se non fose porque quen forma parte da corporación, xa sexa por vía legal xa sexa por vía da costume, non debe executar traballos para ese mesmo ente. Así, o funcionariado dun concello non pode ter acta de concelleiro/a (caso, por exemplo, de Alfredo Cañizo, que se atopa en excedencia). Ou, por exemplo, en Carballo, a empresa dun concelleiro daba soporte informático a case todos os municipios da zona, mais non o facía co propio.

O que acontece é que feita a lei, feita a trampa. Semella que a empresa de Luis Ceán non traballaba para o concello malpicán, senón que o facía para outra empresa, que seica lle subcontratou a referida e polémica actuación.

No entanto, excusas e subterfuxios á marxe, ninguén cre xa na inocencia de ninguén, e o propio PP recriminou a actuación do seu portavoz. Este, lonxe de enmendala, dá un paso que reforza moitas das sospeitas creadas: deixa o seu partido, mais mantén a acta de concelleiro, isto é, a partir de agora, vai por libre.

Esta decisión ten unha trascendencia brutal. O plenario malpicán ten 13 representantes, 6 correspondentes á coalición gobernante (5 PSOE, 1 AIM), e, até o de agora, 7 á oposición (3 AVE, 2 BNG, 2 PP). O paso de Luis Ceán a un limbo político, no que o seu voto non corresponde a ninguén máis que á súa persoa, fai que o debate estea aberto. E é que o voto deste novo “libre-pensador” vai ser decisivo en moitas votacións nos vindeiros tres anos, podendo ser un soporte para o goberno minoritario, incluso sen apoialo en nada: a súa abstención ou a súa ausencia nas votacións é suficiente para que o alcalde e o seu equipo saquen adiante o que se propoñan.

Xa que logo, non queremos dende aquí máis do que facernos eco dun rumor que percorre a vila mariñeira. O tempo dirá se algo hai de certo en todo o que apunta a escuras manobras da alcaldía para conseguir por detrás o que as urnas e o seu talante negociador non lle deron.

2 Comentarios a “A corporación malpicana ou o máis difícil imposíbel”

  1. Javier fariña dixo:

    So quería correxische un dato:
    O BNG non votou a favor do alcalde actual de Malpica, non é certo que votase a favor.
    Se crees no modelo de que algo de auga levará o río cando sona, tes que ter en contra que se lle pode apricar a todo o mundo, ti incluido… eu non creo nese modelo nin nesa frase, paréme moi desafortunada.
    Alfredo Cañizo é concelleiro dende 1995.
    E sobre o PP de Malpica, creo que nin ti nin eu estamos capacitados para entender o que pasa no PP de Malpica dende 1999 non creo que o entendan nin eles

  2. Pondal dixo:

    Certo, amigo Javier, o BNG non votou a favor do alcalde de Malpica, o que se quería dicir é que o seu voto permitiu a súa elección, e que foi así por fidelidade a un pacto nacional.

    Concordando sobre o que dis do río e a auga, é de pensar que o acontecido con Ceán non obedece só nin principalmente a cuestións internas do PP de Malpica (por moitas leas que tivesen dende o 99), e o tempo dirá se Ceán acaba converténdose ou non na pedra de salvación de Moncho en moitas votacións e demostrar así se o río levaba auga ou non.

    E o dato sobre Cañizo tamén é certo, pero que se quere dicir con iso? Cañizo foi concelleiro nese tempo, e despois renunciou á acta para volver traballar (todos temos que vivir), pero nunca até o de agora tivo dedicación exclusiva, algo que lle debe a un pacto pouco lóxico (porque non evita a minoría, non por outra cousa) co actual alcalde, e co apoio pouco comprensíbel (novamente, mediante voto de abstención) do PP malpicán.

Deixa un comentario

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Identificación