Martes, 08 de xullo de 2008
Unha muller especial, única, Asunción Antelo tivo, cando menos, de forma merecida, a homenaxe que moita outra xente non puido ver en vida. A Asociación de amigos e amigas de Asunción Antelo, e as asociacións San Mamede (de Seavia) e Monte Branco (do Couto) brindaron a esta lonxeva artista un recoñecemento de seguro ben gañado.
Asunción Antelo está para cumprir os 89 anos, mais segue ao seu. Durante a súa vida adulta poucas oportunidades tivo para facer aquilo do que realmente gustaba, pois a dura vida do campo foi a que lle tocou en sorte. No entanto, a partir da corentena, e sobre todo a raíz da súa xubilación, dedicouse con ímpeto e dedicación á tarefa creadora, tanto na escrita como na escultura.
Unha muller do rural galego, coa formación elemental máis básica, merece un aplauso ao seu esforzo por ter dado, dende a súa humildade, dúas obras literarias para a lingua galega: “As penurias dun amor” e “Páxinas da rexubeira de Bergantiños”.
Tamén ten na súa casa natal en Segufe (Seavia, Coristanco) un museo onde expón as súas esculturas, e ela mesma manifesta a súa mágoa porque xa non lle caben máis.
Unha muller sen dúbida única que, tras case nove décadas de vida, segue dedicada á creación, e que vén de recibir a homenaxe máis desexada, a de amigos e amigas. Outras viñeron antes, como a apertura do seu museo ou a concesión do premio á bergantiñá do ano, mais posibelmente este fose máis especial, por vir da súa propia veciñanza.
Parabéns a Asunción. Para quen queira botar unha ollada á súa obra, recomendarlle unha visita por Segufe. Para quen non poida, na rede hai algunhas imaxes, e deixamos por aquí, de remate, uns seus versos.
Para escribir este libro
non usei mesa nin banco
as rodillas facían de mesa
e a cama de banco.
Nas noites longas de inverno
boas fartas me pegaba,
escribindo neste libro
sentada na miña cama.
Polo día traballaba no campo
e non podía escribir
facíao pola noite
en ves de dormir.
Con traballos e desvelos
escribín este libriño
para lle deixar de regalo
os fillos de Bergantiños.


Xullo 8th, 2008 at 16:48
Cantas Asunción hai pola nosa Galiza!! Persoas sen apenas estudos mais non por iso analfabetas senón todo o contrario.
Como veciña de Seavia síntome orgullosa de ter unha personaxe como Asunción na parroquia. Non así que tivesen que ser persoas de fóra (concretamente creo que a asociación Monte Branco de Ponteceso que foi quen publicou a súa primeira obra) as que deran a coñecer e se interesasen por esta muller.
Oxalá teñamos Asunción por moitos anos máis