Venres, 18 de xullo de 2008
Chámase analfabeto aquel que non sabe lere nin escribire e, polo xeral, aplícase iste cualificativo os que non manexan a lectura nin a escritura do propio idioma, do idioma nativo.
Porque, fora de ahí, todos somos analfabetos dos idiomas alleos e, sinón todos e de todos, sí, polo menos, dos máis diles.
Así comeza un texto, escrito aló polo ano 1962, por Xosé Ramón Fernández-Oxea, que pasaría á historia como Ben-Cho-Sey. Este incansábel loitador pola terra deita neste artigo unha máis que interesante reflexión sobre toda aquela xente que renega da lingua. O artigo podería, case, ser escrito hoxe en día, e pola súa actualidade é polo que decidimos inaugurar con el estas “Liñas para o combate”, unha nova sección na que dar cabida a textos xa clásicos e que sempre debéramos ter á man. O texto de Ben-Cho-Sey segue así:
Claro está que si ben é unha proba de cultura e de silencioso poseer cantos mais idiomas estranxeiros se podia, no é, pola contra, mágoa algunha o non saber mais que o propio idioma. O que sí constitue unha grandísima vergoña i é causa incruso de menosprecio por parte dos mais para o analfabeto é non saber expresar gráficamente na sua língoa.
Por esta razón a xente precura en todo o mundo, saber lere e mais escribire ben e sin fallas de ortografía a língoa materna pra non sere considerado como un home inferior ou como unha besta polos seus conciudadáns.
Boeno, eso de todo o mundo. A regla xeral é esa: que todos seipan falare, ler e mais escribire escorreitamente a lingoaxe da sua terra, a língoa que mamou desque naceu. Todos, menos os galegos e que se salve o que podia. Pois o certo é que o que en calquer país civilizado sería un baldón pra unha persoa meianamente culta, trócase nun motivo de orgullo entre certos galegos e a maioría diles gábanse de non saberen ler nin escribire e nin xiquera enxerguere a súa língoa vernácula.
A cousa parecerá paradóxica ou, si se quer, monstruosa. Pero a realiade é que en calqueira intre se pode atopar con un Doctor universitario, que presuma de saber tailandés, poño por caso, e que, sin o menor escrúpule lle diga a un: “Pues yo no le entiendo el gallego, ¿sabe?”. Afiirmación mintireira e gabanciosa, porque na realidade entender, enténdeo.
E o mais tremendo do caso é que istes mesmos señores, donas e doniñas, que se gaban de non saberen o galego, ofenderíanse terriblemente si se dubidase dos seus coñecementos de francés ou calquer outro idioma extranxeiro, anque o falen con moito traballiño e “comme une vache espagnole”, si é que o falan. Pero, eso si, presumen de políglotas e logo fallan pola base.
No fondo deste problema hai un complexo de inferioridade, que levan consigo moitos galegos, e unha cuestión crematística: o saber galego non produce cartos. A un distes tales, que me dixo unha vez que non enxerguía o galego que escribimos nós, contesteille: “Si nise galego, que dis, non enxergues, che escribiran unha credencial de vinte mil pesetas, a que o enxerguerías?” Vaia se enxerguería, anque fose escrita en chino.
Hai quen di que é patriótico falar en castelán, como se os dous idiomas non fosen compatibles, pois da a casualidade, que os galegos mais cultos son os bilingües, entre outras razóns por aquelo que dixo o emperador Carlos I de que o home é tantas veces máis home cantos mais idiomas domine. Pero istes paxaros son os que a hora da invasión yanky se dan presa a deprender o inglés para gañar máis cartos e os que non se avergoñan de poñer nas portas e nos escaparates das suas tendas letreiros en inglés despoixas de tanto falar de patriotismo.
Velaí unha tristeira condición de moitos galegos: a de arrenegar da sua fala e gabarse de non a saber, sen se decatar de que os alleos que lle escoiten tal afirmación formarán un mal xuizo diles e pensarán que son como se arrenegan da sua nai. E os que se avergoñan e renegan da que lles deu o ser teñen un nome moi enxebre que, si foi dabondo usado polos clásicos españoles, non quero poñelo eiquí pra non sentar praza de tremendista. E abonda.



Comentarios Recentes