Galeuscat, unha alianza aínda necesaria 75 anos despois

É historia Engadir comentarios

Sábado, 26 de xullo de 2008

Hoxe, os líderes de BNG, PNV e CiU interviron xuntos en Santiago de Compostela nun paralelismo co acontecido hai 75 anos (daquelas fora un 25 de xullo, desta volta adiouse un día polo festigal). Cambian os protagonistas, mais as mensaxes e as reivindicacións permanecen despois de case un século de irmanamento das nacións ás que o estado español lles nega o dereito á vida.

 A unidade de Galiza, Euskadi e Catalunya para buscar un cambio no modelo político do estado e un recoñecemento á existencia destas nacións comezara xa algún tempo antes. A mediados da década de 1920, en plena ditadura de Primo de Rivera, buscáronse os primeiros bosquexos, sobre todo por parte de organizacións independentistas como a liderada en Catalunya por Francesc Maciá, mais as circunstancias do momento fixeron que o acordo non frutificara.

No escenario máis aberto da II República concretáronse os primeiros pasos para a unión de Galiza, Euskadi e Catalunya, sobre todo despois de confirmárese o carácter non confederal da constitución republicana, unha das esixencias das tres nacións. Despois de varias conversas, acordouse unha viaxe triangular con parada nos tres escenarios, chegando o momento do encontro á nosa terra na data en que xa era festexada como Día de Galiza.

O 25 de xullo de 1933, pois, asinouse o Pacto de Compostela, estando naquela altura, ademais do Partido Galeguista dirixido por Castelao, Ultreya (Galiza); Palestra, UDC e ACR (Catalunya); e PNV (Euskadi). Posteriormente tamén se incorporarían ANV (Euskadi) e LLIGA e ERC (Catalunya).

Con posterioridade, as relacións mantivéronse, en maior ou menor medida, sempre orientando as conversas á busca dun modelo de estado diferente, aínda que as circunstancias, como a longa noite de pedra que asolagou o estado durante catro décadas, fixeron que os resultados, no terreo práctico, non teña sido moi trascendentes, mais alá da importancia de que sempre se mantivo o fío de unión entre as tres nacións sen estado.

Nos últimos tempos, BNG, PNV e CiU teñen recuperado estes encontros, deseñado estratexias comúns para a actuación no parlamento estatal e incluso participado en coalición nunhas eleccións europeas. De cara a un obxectivo común como é o cambio do modelo de estado, a unidade é unha boa alternativa.

O fío dos discursos do acto que hoxe tivo lugar en Compostela dá boa mostra de por onde corren os tempos. Inevitabelmente, todos os oradores fixeron referencias claras á cuestión da lingua, así como aos intentos recentralizadores do goberno estatal. A unidade, pois, segue a ser precisa.

Deixa un comentario

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Identificación