Incríbel o que soltan algúns pola boca!

O que hai que oír Engadir comentarios

Martes, 15 de xullo de 2008

“Niñatos malcriados, groseros y arrogantes, principitos mimados e ignorantes, maleducados trogloditas con las hormonas descontroladas, indeseables advenedizos de la moda y acomodaticios imitadores de todo lo mediático, repelentes perturbadores de fin de semana, conspicuos consumidores de alcohol de garrafón mezclado con cualquier mierda, orgullosos fumadores de maría, costo o bazofias varias manipuladas que un camello de segunda ha pasado por la frontera metida en el culo, ignorantes de que profanan la sagrada tradición que supone el consumo de esa sustancia.”

Cabe máis en menos? Semella que non. Así se despachaba un “xornalista” ou “colaborador” do xornal La Nueva España de Asturias esta fin de semana contra a mocidade ou, cando menos, contra esa elevada porcentaxe de mocidade que, nun ou noutro momento, participou no chamado botellón. Ben, non así, máis, porque o artigo aínda segue. Podes lelo neste enlace.

A cousa é que, non negando que as concentracións de mocidade teñen consecuencias perniciosas (barullo, suciedade…), non negando que haxa mocidade irreflexiva, non negando o carácter de imitación de moitas actitudes da mocidade, o que é lamentábel e represetantivo de que este “escritor” xa pasou da trintena é que quizais non sexa quen de ollar que todo iso non é exclusivo da mocidade, ou:

-. As concentracións de xente “non moza” non producen idénticos efectos? Pasaron vostedes por Carballo ou Paiosaco algún día despois da feira? Non semella que ás veces está todo como se alí houbese unha batalla campal? Quizais unha das diferenzas é que as administracións locais encargan a limpeza dos recintos despois das feiras, non se entende por que non poden facer outro tanto nos lugares de concentración da mocidade (isto, dito sexa de paso, sen que debamos, mozos e mozas, deixar de autorresponsabilizármonos e ter un pouco máis de coidado cos lugares comúns). E se falamos de barullo e mocidade, acaso, por exemplo, as recén rematadas festas do San Xoán non orixinan un balbordo inmenso que toda a veciñanza ten que aturar? A cuestión é, coma sempre, conciliar festa e descanso. O que non procede, nunca, é cargar contra a mocidade porque si.

-. Hai mocidade irreflexiva, si, pero tamén a hai moi consciente e comprometida. Igual que tamén hai moita xente irreflexiva que pasa da trintena, ollen ao seu redor sen poñer a venda. Deixemos de criticar á mocidade porque estea de moda. Hai mocidade nos botellóns, certo é? Que pasa, que se en vez de facer botellón botasen a tarde nos bares ou en verbenas populares (como de feito xa está comezando a pasar, que a mocidade lle colleu o gusto ás festas populares), o problema xa non sería tal? Non deixa de ser lamentábel que case todas as normativas que comezan a proibir o consumo de alcol na vía pública fagan sempre unha excepción coas verbenas e demais. Non porque a fagan, que dende aquí desexamos longa vida ás festas tradicionais, senón porque pretenden dar a imaxe de que un consumo está ben (porque por algunha xente está asumido) e outro está mal. Ou é bo ou é malo, deixémonos de hipocresías.

-. Tamén fala o “escritor” de que a mocidade é imitadora do mediático. Que queren, vostedes, quen nos precederon? “Agasalláronnos” este mundo globalizado e sumerxido nunha economía de mercado. Non era o que querían? Cando menos foi o que nos deixaron como legado. Por outra banda, poida que a mocidade sexa quen máis segue as doutrinas do mercado, mais lamentabelmente (e recalcamos, lamentabelmente) iso é unha eiva da sociedade, de toda a sociedade, unha sociedade da que a actual xeración moza aínda non é tan responsábel como as que a precederon.

E quizais a guinda final está na última liña do parágrafo reproducido. “Profanadores dunha sagrada tradición”, manda truco! Na súa época consumíase droga, mais era unha sagrada tradición, agora profanouse. Iso si que é ter a mirada desviada, amigo.

Outro artigo de Joaquim Ventura aparecido esta semana no Galicia Hoxe (ler aquí) remataba cunha sentenza que é ben certa: a mocidade é un sarampelo que cadaquén ten que pasar. Quen hoxe calumnia de tal xeito á xente nova é porque xa non o é. Mágoa, sentímolo por el. Mais nós, mozas e mozos, queremos tamén pasar o noso sarampelo. A vida hai que vivila nas súas etapas. Xa nos chegará o tempo de escribir artigos coma ese.

Deixa un comentario

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Identificación