O estado e o galego, todo fachada

Está pasando Engadir comentarios

Luns, 07 de xullo de 2008

Hai quen di que o castelán está en perigo. É a mesma xente que afirma que España é un estado que respecta a pluriculturalidade e o plurilingüismo. É a mesma xente que aínda cre nos “mundos de Yupi”. A realidade é que é só unha fachada. Aos feitos nos podemos remitir.

Onte comentabamos de pasada unha nova que aparecía no Chuza!, na cal un/unha internauta se queixaba por terse dotado a web do Congreso dunha versión en inglés antes que en ningunha das linguas oficiais no estado distintas do castelán.

Pois ben, a realidade é esa. Consultadas diversas páxinas de institucións públicas (Congreso, Senado, Policía, Garda Civil, Goberno do Estado, BOE, Seguridade Social, e algún que outro ministerio) a realidade é moi diversa, mais hai un lema común: o tratamento ás linguas galega, vasca e catalá é de pura fachada.

Sirva como exemplo claro que na web da Moncloa, en teoría, hai acceso a cinco linguas: castelán (por defecto), galego, vasco, catalán e inglés. Pero, a pouco que pescudemos, se clicamos en “Welcome”, efectivamente traduce o texto da portada ao inglés. Se clicamos en “Benvidos” “Benvinguts” ou “Ongi etorri”, nin galego, nin catalán, nin vasco: castelán! Ese é o respecto que teñen ás linguas e ao plurilingüismo dentro do estado: de subordinación incluso respecto dunha lingua foránea.

E isto non é exclusivo da web da Moncloa. Outras webs tamén ofertan, na teoría, páxinas nas linguas territoriais, por exemplo a do BOE ou a da Policía. Mais en calquera delas, a pouco que avanzamos polos menús, só resta a opción do castelán. Noutras páxinas, directamente, só hai opción de castelán (Garda Civil) ou castelán e inglés (Congreso e Senado).

Para rematala, aínda non son raras as ocasións en que anuncios dos diferentes ministerios ou partes das súas páxinas webs conteñen toponimia galega adulterada, como “Laracha“, “El Ferrol” (esa referencia aparece na páxina do ministerio de defensa, será unha humilde homenaxe aínda a don Francisco…), “La Coruña” (unha vez, outra vez, outra vez…), “Coruña“ ou “Orense” (unha vez, outra vez…).

Deixa un comentario

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Log in