O socialismo á busca de novos eufemismos

Está pasando Engadir comentarios

Martes, 29 de xullo de 2008

En vías de remate os congresos “populares” nos que o debate se centrou nas opcións da corrente crítica (que se demostraron mínimas) de tumbar á corrente marianista, agora están de congresos as bases socialistas. Aquí, afortunadamente, hai un algo máis (non moito, tampouco se crean) de vida, de debate, e algún, incluso, risíbel a estas alturas da película. Resulta que, segundo a que socialista lle preguntemos, somos unha cousa ou outra. Como van saber gobernar ben o noso país se non se aclaran ao definilo… Somos nación? Somos nacionalidade histórica? Somos unha realidade nacional? Somos unha nación no sentido non nacionalista da palabra? O que hai que oír… pasen e vexan.

Para quen non temos vergoña nesta nosa Galiza e temos as ideas claras, non hai dúbida: Galiza é unha nación, porque como tal se entende unha comunidade estábel, historicamente formada de idioma, de territorio, de vida económica e de hábitos sicolóxicos reflectidos nunha comunidade de cultura. Non hai dúbida, non hai debate. Ou si?

O problema ao PSOE non lle vén de concepto, vénlle de lei. Aínda que as súas cabeciñas pensantes dan para entender ben ás claras este concepto, todo isto bate co seu respecto á constitución, que converteron nunha sorte de biblia inalterábel. E claro, a constitución di o que di.

Por iso, o sector máis castelanizado do PSOE teno claro: a única nación do estado é España. Por que? Porque o di a constitución. E a cabeza non lles dá para máis. Véxanse senón as declaracións de Bono, fiel mostra desta tendencia. 

No entanto, o feito de o PSOE ser un partido de estrutura federal fai que teñan que admitir no seu seo a federacións como a catalá, que teñen bastante máis coraxe política que a sección galega e non se andan con rodeos: Catalunya é unha nación, e así o proclamaron no seu congreso (ver noticia), precisamente apuntando aos indicadores arriba sinalados.

Que acontece, xa que logo, coa sucursal galega do PSOE? Pois iso, que non pasa de sucursal, que ten moita timidez, e que lle custa dar o paso adiante. Polo de pronto, atoparon xa novos eufemismos para non dicir que si, pero tampouco que non. Nas súas resolucións congresuais (ver noticia) acuñan (non é novidade, xa o fixeron no estatuto andaluz da man de Manuel Chaves) o termo “realidade nacional”, descartando, por moi lioso, seica, o concepto dunha idea non nacionalista de nación (que manda truco na Habana co invento!).

Deixa un comentario

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Identificación