Programación do Festigal para o 25 de xullo

Axenda, Festigal Engadir comentarios

Mércores, 23 de xullo de 2008

25 de xullo, Día da Patria Galega, todo fica en suspenso pola mañá. E isto é debido, como non podía ser menos, a que todo o mundo ten que estar na grande manifestación que, ás 12 horas, partirá da alameda compostelá cara á praza da Quintana. Despois, o tradicional xantar na carballeira, e pola tarde, máis Festigal. Pincha en ler máis para ver a programación do 25.

Primeiramente, e por suposto, todas as galerías, exposicións… volven abrir, e a galería de infantil, ademais dos inchábeis, terá programación toda a tarde para quen desexe deixar alí aos seus nenos e nenas. Estarán debidamente atendidos/as.

A Galería das Ideas acolle, a partir das 6 da tarde, unha mesa redonda sobre os XX anos de Galiza Nova, na que intervirán Manuel Antelo, Bieito Lobeira, Martiño Santos, Rubén Cela, Xosé E. Vicente e Iria Aboi, secretarios xerais anteriores e secretaria xeral actual da organización xuvenil nacionalista.

Na Galería das Letras presentaranse os libros “Galiza na unión. A porta Atlántica”, de Camilo Nogueira (16.30 horas), “O segundo sexo”, de Simone de Beauvoir, que vén de ser traducido ao galego (17.15 horas), “Os grouchos”, de Manuel Rivas (18.45 horas), “O decálogo que a lingua galega precisa”, da Fundación Bautista Álvarez (19.30 horas), “Os piratas da illa da esperanza”, de Rivadulla Corcón (20.15 horas) e “Os efectos do afundimento do Prestige”, de A Nosa Terra (21 horas). Adsemais, haberá un recital de poesía ás 18 horas no que estarán dous veciños destas terras, Paco Souto e Rafa Villar, xunto a Marta Dacosta.

Outra vez máis, na Galería Audiovisual haberá programación continua entre as 17 e as 20 horas, e na Galería do Software Libre presentarase AINFOVAC (19.30 horas), un programa para a xestión de explotacións agroalimentarias.

E á noitiña, música:

Víctor Aneiros Band

Quempallou

Pablo Milanés

Berrogüeto

1 Comentario a “Programación do Festigal para o 25 de xullo”

  1. carolina dixo:

    Vémonos alí.
    O DÍA GRANDE NO NACIONALISMO XA CHEGOU. DESFRUTADEO!!!!!!!!!!!!!!

Deixa un comentario

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Log in