Software libre: tecnicamente viábel, economicamente sostíbel e socialmente xusto

Está pasando Engadir comentarios

Domingo, 20 de xullo de 2008

O título deste artigo, realmente, é un plaxio do título dun libro do autor catalán Jordi Mas i Hernández, traducido ao galego para Biblos por Daniel Romero e Ana Salgado hai un par de anos. Traemos esta temática a este blogue porque é ben interesante e nunca aquí se tratara. Ademais, estes días está de actualidade, xa que foi un dos eixos centrais do IV Curso de Verán da Universidade da Coruña que tivo lugar en Carballo esta semana (relacionado, tamén, co tema da lingua), e porque vai ocupar o seu espazo tamén no festigal, sendo obxecto dalgunha charla e dun espazo específico cunha carpa durante os dous días. Mais, por que este título?

Software libre, antes que nada, non quere dicir software gratuíto, aínda que en moitos casos así sexa. A diferenza entre o software libre e o privativo (Microsoft, Apple) é que facilita o seu código e permite a súa modificación. Isto é, calquera usuario/a de Windows ten aquelas ferramentas, e a elas se ten que adaptar. Calquera usuario/a de Linux pode coller o código fonte e facer as modificacións que considere oportunas. Mais, por que tecnicamente viábel? Por que economicamente sostíbel? Por que socialmente xusto?

Unha das principais eivas que se lle puñan sempre ao software libre era a súa inviabilidade técnica, ao sinalar que tras o software privativo había empresas que respondían dese software, ao contrario do que ocorrería co libre. Mais isto non é así. O feito de que o software libre non sexa produto dunha única empresa non quere dicir que non sexa seguro (moi ao contrario, os erros acostuman ser menores que no software privativo), e moito menos que non haxa quen responda del, xa que moitas das grandes empresas da informática prestan servizos de soporte sobre software libre, aínda que sexa por propio interese. Así pois, tecnicamente, e despois de décadas de uso, o software libre demostrou estar á altura dende o punto de vista técnico, e a maioría da comunidade usuaria destaca incluso a súa alta fiabilidade, quizais debida tamén ao feito de na súa elaboración participar miles de usuarios/as ao longo do planeta.

Outra das críticas sobre o software libre, ou eivas que se lle apuñan, era que non era sostíbel economicamente a longo prazo, xa que ao non haber (en teoría) beneficio empresarial en quen o crea, chegaría un momento en que deixaría de actualizarse ou crearse. Unha vez máis, a historia xa demostrou que non era así. O software libre é economicamente viábel, porque lonxe de perderse emprego, xérase máis. Hai moitas empresas vinculadas a este tipo de software, tanto a facilitar soporte como a adaptalo ás necesidades concretas de empresas, asociacións… Por iso, lonxe de perderse oportunidades de negocio, gáñanse debido á versatilidade do software libre.

E o sotware libre é socialmente xusto porque permite o seu acceso, case de balde, a unha ampla maioría social, facilitando a alfabetización dixital (unha das claves do futuro) a case toda a cidadanía, que non ten que asumir os altos custes do software privativo. Analicen, sequera, canto aforrarían na compra do seu PC por non pagar a instalación de Windows e o paquete Office. Todo iso ofrécello de balde o software libre.

E por que, ademais, isto é importante para Galiza e o galego? Que nos xogamos nós nesta guerra?

A versatilidade do software libre, a súa adaptabilidade, fai que sexa unha das ferramentas normalizadoras máis potentes da actualidade. Só un dato: a versión en galego do último windows tardou un ano, e realizouse finalmente porque a Xunta forzou e esixiu, para a súa compra e instalación na administración pública, que existise versión en galego. No entanto, o software libre, debido ao seu peculiar método de creación e desenvolvemento, pode estar na rúa en galego no mesmo momento que en calquera outra lingua do mundo.

Ademais, a día de hoxe, con software privativo, é case imposíbel ter un PC integramente en galego, dende o escritorio até as aplicacións. Con só acudirmos á páxina mancomún.org, iniciativa da Consellaría de Industria dende a chegada do nacionalismo ao goberno galego, temos todo o que precisamos para o noso ordenador, libre, gratuíto, e en galego, dende sistemas operativos, ferramentas de tratamento de texto, cálculo, correo electrónico…

Por iso o nacionalismo apostou no goberno polo software libre: porque é tecnicamente viábel, economicamente sostíbel e socialmente xusto. Cadaquén de nós debería facer outro tanto. É sinxelo, é de balde, é en galego.

1 Comentario a “Software libre: tecnicamente viábel, economicamente sostíbel e socialmente xusto”

  1. Miguel dixo:

    O Software libre poderiase comprender como un cambio de mercado.
    So que existen 2 problemas
    1 - falta de financiación a desenvolvedores de software
    2 - Medo o cambio por parte dos usuarios

Deixa un comentario

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Log in