Viva a orixinalidade “popular”

O que hai que oír Engadir comentarios

Venres, 04 de xullo de 2008

Ollen estas dúas imaxes, matinen un pouco, e despois, parolamos. O que hai que ver…

  

Non é vontade, ben se sabe, deste blogue facer propaganda das xuventudes do Partido Popular, pero hai días que o merecen. E é que a falta de ideas, ningún problema, copiamos as do resto da xente, poñémoslles a nosa sinatura, e xa está.

Iso é o que veñen facer as mocidades populares de Madrid, adaptar ás súas ideas iconografía usada non hai moito polo nacionalismo galego (será unha forma de recoñecer, agora si, que eles tamén son nacionalistas, pero españois?).

A lingua dos “rolling”, tuneada xa hai moito tempo coa bandeira galega e usada como icono e imaxe da reivindicación do dereito a vivirmos na nosa propia lingua, acaba de ser usada por esta xente coa bandeira de España para pedir o apoio ao manifesto, aquí xa comentado, en defensa de “la lengua común”.

Pero non se quedaron aí, non. Se hai un par de meses A Mesa pola Normalización Lingüística lanzaba unha atractiva campaña visual en defensa da nosa lingua na que se vía a un mozo e unha moza cunha lambetada azul que lle deixaba desta cor a lingua, oh, orixinalidade!, as mocidades do PP cambian a lambetada, poñen un máis español “chupa-chups” e colócanlle a súa bandeira. Que ben, que de orixinalidade!

   

A gracia remátana facendo o que mellor saben. Non só reivindican a súa lingua, senón que presumen de españolidade. Presumindo de literatos/as? Presumindo de paisaxes? Presumindo da boa marcha económica do país? Non, amigos e amigas, pan e circo. Aproveitando o rebufo da Eurocopa, collen deportistas (por certo, sen o consentimento dos afectados) e, velaí, deporte e patriotismo. Isto tamén xa o tiñamos analizado. Vexan a imaxe.

En fin.  “Nihil novum sub sole”, que dicían na Roma clásica, nada novo baixo o sol. Era o que nos podiamos agardar desta xente. Para autocompensármonos, mañá darémoslle unhas voltiñas máis aos dous temas aquí referidos: lingua e patriotismo futboleiro.

1 Comentario a “Viva a orixinalidade “popular””

  1. RAQUELCASTRO dixo:

    http://es.wikipedia.org/wiki/Alfonso_Daniel_Rodr%C3%ADguez_Castelao, por favor ti q nandas no ciberespazo revisa páxinas como esta… só lin ata onde pon rianjo, perdinme e …

Deixa un comentario

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Log in