Plano de acuicultura: a verdadeira historia

Está pasando Engadir comentarios

Sábado, 30 de agosto de 2008

O Consello da Xunta daba luz verde, o pasado xoves, ao Plano de Acuicultura. Todos os flashes estaban postos no adianto ou non adianto electoral, e quizais por iso Touriño aproveitou para meter un dos temas máis conflitivos dos últimos tempos, agardando que quedase á sombra da gran noticia. En calquera caso, Bergantiños e a Costa da Morte non van deixar pasar por alto esta aprobación, e é o momento dunha análise seria, rigorosa, que poña luz sobre o asunto, así que iso intentaremos.

1. O punto de partida

O Partido Popular aprobou a finais do pasado mandato, cun goberno en funcións, un plano de acuicultura (aínda que con outro nome máis rebuscado, pero o mesmo dá) despois de dezaseis anos no goberno. O plano non chegaría a entrar en vigor, posto que o novo goberno bipartito o anularía debido aos ataques que supuña á rede natura, con enclaves moi conflitivos como o de Touriñán.

O pacto de goberno PSOE-BNG incluía a aposta pola acuicultura no noso país, e nese camiño prevíase a redacción e aprobación dun novo plano acuícula. Como é obvio, a redacción dese plano encomendouse á Consellaría de Pesca, rexentada por Carmen Gallego (PSOE).

A proposta feita pola Consellería de Pesca tivo unha forte contestación social, sobre todo en vilas como Malpica de Bergantiños ou Camelle, recibiu centos de alegacións e dividiu, dende o comezo, as posturas das forzas do goberno.

2. O decorrer dos feitos

Andado o tempo, a postura do Partido Popular foi a das urxencias, sinalando o tempo que se perdía (Pescanova fixo, nestas alturas, un investimento en Portugal, o que foi visto por algunha xente como unha oportunidade perdida para o noso país), botando de menos o seu plano, e combinando todo isto con accións ailladas, como iniciativas parlamentares para a supresión de algunha instalación concreta, mais pedindo máis madeira (incongruente, porque no fondo reclamaban a recuperación do seu proxecto, que era aínda máis agresivo ambientalmente).

A conselleira Carmen Gallego defendeu a capa e espada o seu proxecto, a inmensa maioría das alegacións foron desestimadas, refugou recibir ás plataformas veciñais (caso da plataforma de Seiruga, en Malpica de Bergantiños, caso no que a conselleira só aceptou reunirse co alcalde malpicán, do seu partido, ignorando á veciñanza) e fixo defensa do seu proxecto como se fosen as táboas da lei.

O BNG, socio de goberno e sinalado como co-responsábel do proxecto, mantivo desde o comezo a necesidade dun proxecto acuícola para o país, mais amosouse crítico coa proposta da consellería, e defendeu publicamente a redución dalgunhas das instalacións previstas e a supresión doutras, como as de Laxe Brava ou Seiruga. Esta oposición e a división no goberno foi un dos motivos de que non se aprobase con anterioridade.

3. A aprobación do plano acuícola

A aprobación do plano acuícola estaba comprometida pola Consellaría de Pesca dende había tempo, mais a contestación social e a oposición do seu socio de goberno fixo dubidar ao PSOE, temeroso de asumir en solitario a responsabilidade ante a sociedade dun proxecto que sabían conflitivo.

O PSOE tentou primeiro aprobar o plano acuícola en pleno verán, no último Consello da Xunta antes das vacacións, mais o BNG opúxose a que se lle dese o visto bo na reunión das secretarías das consellarías previas ao Consello da Xunta, e Touriño deu marcha atrás.

Este xoves volvía haber Consello da Xunta, e o mércores, como decote, reunión técnica das secretarías na que se debaten e preparan os temas que naquel serán aprobados. De novo, a oposición do BNG fai que non se dea o visto bo ao plano acuícola nesta xuntanza.

Pese ao anterior, o presidente da Xunta aproveita a súa potestade legal e, pese a non ter sido aprobado na xuntanza do día anterior, inclúe na orde do día do Consello da Xunta a aprobación do plano acuícola (ver noticia).

A lectura segue a ser clara: é un proxecto polémico que vai ter contestación social, e hai que fuxir ao debate. Que conseguiu Touriño coa súa manobra? Quizais en calquera outro Consello da Xunta, este tería sido o asunto principal, pero antonte todos os focos estaban postos na posibilidade do adianto electoral, e a acuicultura ficou nun segundo plano. Touriño aforrouse preguntas, e conseguiu tamén ensuciar aos seus socios de goberno. Por que? Porque as deliberacións do Consello da Xunta (no que o PSOE ten maioría) son segredas e, ao fuxir de debate na reunión das secretarías, ninguén saberá (fóra dos membros do consello) que se dixo nin se votou alí.

En calquera caso, o BNG xa se apurou a manifestar que segue sen compartir a redacción actual do plano acuícola e pedindo a supresión de determinadas instalacións, en tanto que a conselleira Carmen Gallego, como non podía ser menos, sinalou que o plan era “impecable”.

4. O camiño que resta

Para as plataformas veciñais que se opoñen á instalación, en determinados lugares, de plantas de acuicultura, a loita aínda non fixo máis do que comezar.

A aprobación no Consello da Xunta, con ser clave, non é aínda máis que o primeiro paso. Agora, a instalación de cada granxa acuícola en concreto terá que comezar a súa tramitación particular, novamente coa solicitude de licenzas, informes medioambientais, de consellarías…

Por iso, porque este plan de acuicultura é mellorábel, e porque non se debe gobernar contra o pobo, aínda queda moito que traballar. O debate non remata, máis ben comeza, na rúa, na rede, nas institucións. Hoxe, por exemplo, un destacado socialista malpicán, Javier Fariña, usa o seu blogue para volver acusar ao BNG, no canto de asumiren o seu proxecto.  O dito, o debate recén comeza.

Deixa un comentario

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Log in