Touriño está dubidoso

Está pasando Engadir comentarios

Sábado, 23 de agosto de 2008

Agosto acostuma ser un mes de relax en materia política, estando case todo o mundo de vacacións. No entanto, este ano houbo quen aproveitou as vacacións para darlle voltas á cabeza. Tal é o caso do presidente Touriño, que se debate entre manter as eleccións galegas para o mes previsto (marzo de 2009) ou adiantalas a este outono (apúntase á última fin de semana de outubro ou primeira de novembro).

Por lóxica matemática, as eleccións galegas terían de ter lugar en xuño do ano 2009, xusto catro anos despois das anteriores. Pero o feito de que nesa data estean previstas as eleccións ao parlamento europeo fai que todo o mundo dese por feito dende hai xa tempo que as eleccións se adiantarían a marzo.

O caso é que a facultade de convocar as eleccións corresponde única e exclusivamente ao Presidente da Xunta, e certos sectores poderosos do seu partido (Pepe Blanco, Ricardo Varela…) úrxenlle a que adiante as eleccións a este outuno temerosos de que a crise económica os castigue (como gobernantes que son tanto en Madrid como en Galiza) nas urnas. Igualmente, pretenden distanciarse o máximo posíbel das eleccións vascas, previstas tamén para a primavera do ano vindeiro, pois non queren que aquel debate se traslade a estas terras e se endureza o nivel dialéctico.

En calquera caso, semella pouco xustificábel, aínda que sexa legal e posíbel, o adianto das eleccións. Adiantar seis meses unha cita coas urnas, con todo o que iso suporía (non aprobación de leis que están en tramitación, proxectos do goberno galego sen rematar, uns orzamentos que habería que comezar a discutir), só polo feito de que ao seu partido lles viría mellor agora que en marzo, non é moi vendíbel.

En todo caso, non descarten nada. Esta semana xa houbo reunións ao máis alto nivel na casa dos do puño e a rosa, e hai fortes presións para forzar o adianto. Un adianto que as outras forzas políticas non aplauden pero en certo sentido xa agardan, razón pola que os aparellos de campaña xa quentan motores. Aínda así, falar da última semana de outubro dá unha marxe de tan só dous meses, dous meses nos que as forzas políticas terían que redactar e aprobar os seus programas electorais, as súas candidaturas, facer as campañas… En fin, un outono a fume de carozo!

Dise por aí que antes de final de mes (isto é, xa esta vindeira semana), se saberá como acaba o conto. Mentras estamos atentos, recomendámosvos unhas análises que ao respecto se fixeron pola rede: Rafael Cuíña (fillo de Pepe Cuíña, o recentemente falecido ex-conselleiro de política territorial), Imeneo (un dos blogueiros máis visitados do país) e Xabier Pérez Igrexas (quen analiza posíbeis pactos postelectorais a raíz dalgunhas últimas novas). Seguiremos falando deste tema.

Deixa un comentario

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Log in