E será verdade? Sempre se dixo en Galiza que non se entendía moi ben o desleixo do país veciño cara esta nosa terriña, á que entre outras cousas deben a súa lingua, que naceu aquí entre nós e que é irmá (se non filla) do galego. O nacionalismo galego sempre se marcou o obxectivo dun achegamento con Portugal, obxectivo que sempre topou co pouco ou nulo interese luso.
Até non hai moito, as poucas relacións que había eran a raíz da creación, no seo da UE, da eurorrexión Galiza-norte de Portugal, de cara á planificación de infraestruturas, sobre todo. Quen sabe se os intentos acabarán dando o seu froito ou se será algo anecdótico, mais o certo é que a televisión pública portuguesa vén de emitir unha reportaxe na que analizan, con máis ou menos acerto, a relación entre as nosas linguas, e fan de paso un repaso sobre a historia, a común e a distante, de Galiza e Portugal. Interesante vídeo, para ver como nos ollan dende alén Miño. Botádelle un ollo neste enlace. Por certo, que o programa en cuestión leva por título “Coidado com a língua”, e aproveitamos para aclarar que a coincidencia coa sección deste blogue de título case homónimo (”Coida a túa lingua”) é pura coincidencia.
De fondo no vídeo escóitase varias veces un tema que xa é parte da tradición musical galega, que comeza con aquilo de “Eu chorar chorei, un domingo á tarde…”, e que posibelmente teña a versión máis animada na voz dunha das nosas máis famosas gaiteiras, pero tamén é certo que sobre gustos non hai nada escrito. Na rede atopamos esa canción na voz doutro ilustre fillo desta terra (ou cando menos con algo de sangue galego), Manu Chao. Velaquí.
Parabéns ao arxentino Quino, que dende fai 44 anos nos fai rir e reflexionar sobre a vida e o mundo a través do que pode ser o mellor personaxe debuxado xamais: Mafalda, esa pequena nena repelente que detesta a sopa, analizou as relacións políticas do mundo, e nos fixo rir como ninguén (1, 2, 3…).
Para alén de barbaridades como as declaracións do alcalde “popular” de Baiona, definindo o noitebús como “botellón subvencionado”, que a Costa da Morte precisa melloras no seu servizo de transporte público é unha obviedade, e que a mocidade debe ter alternativas para o desprazamento ao seu ocio nocturno, pois tamén.
A reportaxe que hoxe ofrece La Voz deixa latente a insuficiencia dunha iniciativa de por si moi positiva. A posta en marcha do servizo de Noitebús tivo un acollemento dispar ao longo do país, sobre todo debido á posta en marcha errática desta boa nova (lanzamento só en períodos concretos, modificación de rutas, supresión de percorridos…).
No entanto, a realidade de cada sábado demostra que na Laracha hai demanda máis que suficiente para este servizo. Isto fai que non se poida máis que reclamar a súa melloría, e que non cheguemos a entender cales foron os motivos que levaron á Consellaría de Política Territorial a reducir o servizo nun punto no que a demanda era e segue a ser moi alta.
Dende este humilde espazo, o noso apoio á reivindicación de máis noitebús (non só na Laracha, senón no conxunto do país) que, agora, parece mentira, acolle de xeito unánime toda a sociedade larachesa. Agardemos que desta volta impere o sentido común e se consiga unha ampliación do servizo acorde ás necesidades.
O nacionalismo sempre dixo que quería devolver o protagonismo e a palabra ao pobo galego. Aínda que só sexa un símbolo, unha placa, o letreiro que preside a galescola recén inaugurada na Laracha é síntoma de que algo novo está a pasar neste país. Despois de tantos letreiros con nomes de alcaldes e presidentes, por fin a cidadanía toma o protagonismo. É só unha placa, pero máis que nunca é tamén un símbolo.
Ernesto Che Guevara foi un deses homes únicos e irrepetíbeis, un dos maiores loitadores pola liberdade dos pobos, que deu toda a súa vida á loita por outro mundo, porque outro mundo é posíbel. Vén de estrearse unha nova película sobre a súa vida, e como xa moito se ten falado na rede sobre o filme (1, 2, 3, 4), non o imos facer nós. Tan só unha humilde homenaxe en forma de vídeo con música da terra, de Luar na Lubre.
Por certo que o ideal polo que o Che loitou, a liberdade, segue en cuestión incluso nos estados que se consideran democráticos. Véxase senón a imposibilidade de consultar á cidadanía en Euskadi sobre o seu futuro. É iso o que entenden por democracia? Eusko Alkartasuna, un dos partidos que soporta o tripartito gobernante en Euskadi, acaba de lanzar un vídeo (”consultafobia”), moi pero que moi imaxinativo. Botádelle un ollo neste enlace. A frase que dá comezo, de Groucho Marx, xa resume o sentido: “aínda non sei o que me vas preguntar, pero opóñome”. Si, esa é a democracia tal e como a entenden en Madrid.
Comentarios Recentes