Martes, 23 de setembro de 2008
“Non hai maneira neutral de ser galegos: ou somos activa e positivamente ou o somos negativamente. Sendo como é un pobo ameazado, ou axudamos a que perviva ou contribuímos á súa morte. Non hai neutralidade posíbel: ou amamos ao pobo galego ou o odiamos… Non amar a Galiza-pobo galego, é matala. A indiferenza nunca é neutralidade.”
Esta frase, poderosa, contundente, cobra aínda máis valor se temos en conta que data do ano 1982, cando o nacionalismo galego estaba aínda a rexurdir, e valorando quen escribiu tales verbas: o bispo Miguel Araújo.
Cúmprese, vén de cumprirse, un ano do pasamento deste bispo galego que, a contracorrente, nos demostrou que é posíbel unha institución eclesiástica en galego e que non desprecie a nosa terra. Moitos como el farán falta para pelexar nesa institución.
Coa excusa deste cabodano, escribía sobre el e sobre estas cousas na revista Longa Lingua (a revista da Mesa, no número do mes de xullo) Rubén Aramburu Molet. Rubén tamén é outro galego atípico, pois tamén é cura párroco (de San Tomé de Piñeiro, no concello pontevedrés de Marín) e é membro do consello de redacción da revista Encrucillada, onde se publicaron aquelas verbas de Araújo e onde se traballa día a día pola pervivencia do galego nun contorno hostil.
Agardemos que, tamén no seo da igrexa, sexa posíbel a pervivencia do galego (entre outras cousas cumprindo os ditados do Concilio Vaticano II, que animaba a pregoar a palabra de Deus a cadaquén na súa lingua propia), e que casos como os de Miguel Araújo ou Rubén Aramburu non sexan palabras soltas no deserto.



Setembro 23rd, 2008 at 20:11
Poderíanse dar máis nomes: Elías, crego de Barallobre (Fene); Vitorino Pérez Prieto, durante moitos anos crego na Pastoriza da Terra Cha (onde se fixo hai uns días a Romaxe de Crentes Galegos nº 31)e desde hai xa moito párroco de San Xoán de Ferrol…(O Vitorino escribe de cada pouco na Voz de Galiza; é quizabe do pouco que dá gusto ler nas páxinas de opinión deste xornal con algunhas outras -honrosas -excepcións). Hai máis: Xabi Blanco, un dos principais alicerces da asociación Irimia, peza fundamental da “igrexa nas marxes” que se move hoxe en Galiza; ou como esquecer persoeiros da tallaxe humana e teolóxica de Francisco Carballo, Xosé Chao Rego ou o finado Paco Lourenzo, o cura de Aguiño…