Fuxir é… de cobardes?.. de intelixentes?..

Alén Miño Engadir comentarios

Xoves, 25 de setembro de 2008

A noticia, recén coñecida, é case insólita: John McCain, candidato do partido republicano (o que actualmente ostenta o poder, o mesmo partido de Bush) para as eleccións norteamericanas que terán lugar nuns corenta días, máis menos, acaba de anunciar que suspende temporal e unilateralmente a súa campaña. Temeridade? Cobardía? Intelixencia? Que se agocha detrás de todo isto?

A mensaxe do seu equipo de campaña é insultante para a intelixencia da cidadanía ianqui: McCain retírase da campaña para voltar a Washington e traballar en solucionar a crise económica que comeza a sentirse nos EEUU.

Claro, así visto pode ser loábel. Que deixe o autobombo para traballar polo ben común podería e debería ser ben visto… se non fose unha falacia infumábel! O certo é que os EEUU teñen un goberno do que McCain non forma parte, pero que ao ser do mesmo partido está a provocar a caída en picado na súa intención de voto polos efectos da crise, que están a facer perder a confianza no partido que rexe os destinos daquel país.

O que xa vai sendo hora, tanto en EEUU como aquí, tanto dun bando como do outro, é que se recoñeza que toda esta crise non é casual nin responde a que goberne o partido republicano ou o demócrata, o PP ou o PSOE. Mentras a clase política non asuma que o que hai que cuestionar é a esencia do sistema nada cambiará.

Isto non só pasa en EEUU. Zapatero, por medo ás cifras económicas, negou a maior até ben pasado o mes de marzo, até ben pasada a cita coas urnas, por medo a ser el o damnificado. Agora todo o goberno recoñece a crise… claro, agora que xa pasou a cita coas urnas. E levamos anos e anos en que toda persoa que ouse cuestionar o sistema é pouco menos que terrorista, nos que toda a propaganda oficial nos fai ver as bondades do sistema, o único sistema posíbel, seica.

As bondades metéronnolas polos ollos. As miserias tentan negalas, pero son tan clamorosas que non hai xeito de tapar tanto, sobre todo porque mentres a bonanza a notan maioritariamente certos grupos sociais, a miseria veñen notala sempre as clases baixas (a loita de clases, de que nos soará isto?). E os remendos que se aplican, aló e acó, son vergoñentos: despois de defender a ultranza o modelo liberal-capitalista, despois de predicar aos catro ventos as bondades do libre mercado, EEUU inxecta miles de millóns de dólares de fondos públicos nos petos dalgunhas grandes empresas (pero iso si, sen cuestionar o modelo, faltaría máis!).

Estes días teñen que servir para a reflexión, necesariamente. Agora que en EEUU se comeza a falar de nacionalizacións (precisamente agora…), non terán nada que reflexionar todos os medios de comunicación que tanto criticaron a Chávez, a Evo… por promover a nacionalización dos principais recursos do seu país?

É a hora da reflexión. Comeza o momento de construír outro mundo.

Deixa un comentario

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Identificación