Martes, 09 de setembro de 2008
Pois si, na altura de setembro de 2008 e Galiza segue practicamente sen cobertura de telefonía móbil en todo o país por parte de ningunha das operadoras de telefonía móbil. Os galegos e galegas seguimos, ben entrado o século XXI, sen dispor dunha oferta mínima de servizos de telefonía móbil (páxinas web, atención ao cliente, menús dos terminais…) na nosa lingua. En todo caso, semella que algo cambiará.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de anunciar un convenio coas operadoras de telefonía móbil e con algúns dos máis importantes fabricantes para incorporar o galego. É triste que houbese que agardar tanto, é triste que sendo un dos medios de comunicación predominantes non se actuase antes neste eido, cousa que si fixeron xa tanto Catalunya como Euskadi.
Facendo unha revisión na rede, tan só a páxina de R ten opción de galego (ademais, é a lingua por defecto, cousa que é de agradecer), aínda que só un número limitado dos seus terminais tiñan esta opción, eido no que é de agardar unha mellora coa sinatura deste convenio.
A compañía preponderante no estado, Telefónica-Movistar, reincide no que poderiamos considerar unha afrenta ou desprezo, posto que non ten opción de galego, mentres que si a ten de catalán (ademais de inglés, por suposto). E aínda hai quen, coma Touriño, lle bota cousas en cara a Catalunya, coa de loitas que nos van adiantando!
O resto de compañías (Yoigo, Orange e Vodafone) non teñen, na actualidade, opción de galego nas súas webs, e incluso é coñecido que algunha delas (caso de Vodafone) tivo no pasado servizos de atención ao público en galego que foron suprimidos.
Saudemos, xa que logo, a pesar da súa tardanza, a boa nova deste convenio, e agardemos que, ademais de dar un pulo imprescindíbel ao uso da lingua, sirva tamén para correxir outras eivas para co noso país, como é o uso maioritario dunha toponimia deturpada.



Comentarios Recentes