Domingo, 14 de setembro de 2008
Co arrinque do ano político caen sempre as primeiras enquisas, e en ano electoral galego toman especial relevancia os datos, a sete meses, aproximadamente, da cita galega coas urnas. Da enquisa que hoxe publica La Voz de Galicia, quizais un dos titulares sexa o que dá título a este artigo: o traballo do nacionalismo é ben valorado.
No actual Consello da Xunta, ademais de presidente e vicepresidente, sentan oito conselleiros/as do PSOE por catro do BNG. No entanto, as tres xestións máis valoradas, das doce áreas, corresponden ao nacionalismo. Por esta orde, os/as conselleiros/as mellor valorados/as do executivo galego son Alfredo Suárez Canal (Medio Rural), Fernando Blanco (Industria) e Teresa Táboas (Vivenda).
Porén, o nacionalismo semella ter aínda un longo traballo por diante de aquí ás eleccións. A pesar de ter as consellarías mellor valoradas pola cidadanía, isto só suporía un escano máis, o mesmo resultado que suporía para o PSOE, todo a costa dun PP que, pese a todo, tras os seus primeiros tres anos de oposición só deixaría no camiño dous escanos.
Queda un longo camiño por diante, toda unha precampaña de seis meses que se verá salpicada por novas de grande trascendencia para Galiza: os efectos e alcance da tan mencionada crise, os orzamentos do estado, a aplicación de medidas clave do actual goberno galego… En calquera caso, o escenario de partida xa está debuxado, veremos como remata a partida.



Comentarios Recentes