Venres, 12 de setembro de 2008
Aínda onte falabamos nesta tribuna da morte de Salvador Allende, e do descarado papel que na súa caída e posterior subida ao poder do ditador Augusto Pinochet tiveran os EEUU, papel que a historia xa ten máis que demostrado. E falabamos do dobre xogo ianqui, das consecuencias que en norteamérica, en parte, tamén padeceran, e da reflexión precisa.
Mais temémonos que non vai ser así. A realidade do mundo, os propios sucesos e acontecementos do 11 de setembro (de 2008) indican que o mundo cambiará, mais non a base de receitas democráticas. O primeiro goberno digno en moitos anos que rexe os destinos de Bolivia, o de Evo Morales, segue a ter que aguantar os continuos actos de boicote internos, pero non exclusivamente, pois máis unha vez a negra sombra norteamericana semella estar detrás de moito do que acontece en Sudamérica. Hugo Chávez xa expulsou ao embaixador norteamericano de Caracas (en Venezuela tamén tentou, non hai moito, dar un golpe de estado EEUU), ao igual que xa fixera Evo Morales, e semella que algo había movéndose por aí.
A man negra de EEUU xa non é tan sombra, que é moi realidade, e ocupa o mundo enteiro: estivo trala morte de Allende, estivo trala tentativa de golpe de estado contra Chávez, seguramente estea nas revoltas contra Morales, e pulula mundo adiante sementando o desequilibrio interno de moitos países.
EEUU non entende de democracia, entende de intereses. Pouco importa que os gobernos de calquera país do mundo sexan lexítimos ou non, importa que sexan leais ás súas ordes. Esta hipócrita lóxica permite relacións cordiais con Arabia Saudí e non as permite con Cuba, por exemplo, e permite defender nuns casos o suposto dereito á integridade territorial e, noutros casos, o dereito contrario. Comparade, senón, o dobre discurso de Bush (e tamén da Europa lacaia) nos casos de Cosova e Osetia.
EEUU emprendeu moitas guerras, moitas delas con resultados que quedaron gravados nas nosas retinas: Vietnam, Iraque, os balcáns… pero non aprende, e a nova clase política non mellora as expectativas. Obama amosou unha mensaxe ambigua sobre o Afganistán, e Sarah Palin, candidata a vicepresidenta con McCain, deixou entrever aínda onte que o escenario de guerra con Rusia (voltará a guerra fría?) non era descartábel segundo como avanzasen os acontecementos en Xeorxia.
Que mundo é este? É a historia tan cíclica e está tan condenada a repetirse? Aceptará algunha vez a clase política do primeiro mundo (EEUU e UE, fundamentalmente) o verdadeiro significado da palabra democracia coa que tanto se enchen a boca? Será este o concepto que teñen de democracia? Será que pensan construír un mundo novo (e democrático…?) a base de facer retumbar os tambores de guerra?
A democracia non se entende nin aquí nin aló. Tamén en España, a prohibición reiterada por parte do tribunal constitucional para a organización do referendo proposto polo lehendakari é unha mostra do paso atrás: que caste de democracia é esta na que non é legal consultar á cidadanía? Será que acaso prefiren ”consultas” como a que no seu día organizaron para colarnos a constitución europea, consulta que non era vinculante, con toda a propaganda do estado (cousa non permitida) do seu lado e sen esixirse ningún mínimo de participación?
O mestre Castelao deixou moitos cadros sobre a guerra, un deles o que abaixo se reproduce, co lema “A derradeira lección do mestre”. E o mestre Castelao teorizou moito e del sacamos moitas leccións, algunhas ben claras: a guerra non é democracia.




Setembro 13th, 2008 at 17:10
As investigacións que realizou o goberno venezolano, así como as evidencias históricas existentes, deixan clara a inxerencia da CIA e o goberno de Estados Unidos no financiamiento e promoción de plans desestabilizadores en Latinoamérica.
O interese dos EE.UU sobre Venezuela responde a distintos intereses, “non só pola enerxía que teñen no sub-solo, senón pola situación xeográfica que é estratéxica para esa rexión
Pero non só Venezuela é un territorio cobizado (podemos imaxinarnos como van ser as tensións dentro de 10, 15 ó 20 anos cando empezo a escasear o petróleo, as tensións incrementaranse).
Díxoo claramente o presidente de Venezuela: Bush pretende encher a América Latina de miseria e violencia, pretende deter pola forza aos pobos que se levantaron con dignidade en paz, para exacerbar o sentimento imperialista estadounidense antes das eleccións do 2 de novembro.
Ten que pagar esa peaxe Sudamérica?
Por se faltase pouco con intentos magnicidio a presidentes democráticos con gran apoio popular
O imperio intentando con todas as forzas esnaquizar a posibilidade de que Bolivia alimente ao pobo grazas aos recursos naturais e ter que soportar a morte dos campesiños?
Por iso, tanto Venezuela como Bolivia expulsaron aos embaixadores dos USA. Se non hai solidariedade nesta situación e similares cos eses pobos, en cales é mester?
Brasil xa avisou que non lle gusta nada dos paseíños da 4ª flota dos EE.UU polos mares do Sur e Arxentina non se quedou atrás. Pouco a pouco, agás que trunfen golpes de estado, os EE.UU. terán que dicirlle adeus ao seu case ex-patio traseiro.
Outro apartado merece o Cáucaso. Como resultante da guerra provocada por Xeorxia a nova situación implica que Rusia optou pola negociación con EEUU e a UE desde unha posición de forza. Esta últimas acusaron o golpe da derrota coa manobra rusa (entendían que se ía quedar caladiña) e, por agora, só se lles ocorre pedirlle a Moscova a volta á situación previa á guerra (que comezou coa invasión de Xeorxia a Osetia do Sur alentada por Wáshington).
As cartas están á vista, rematou a etapa de acusacións mediáticas e agora comeza outra de negociacións no plano diplomático. Todo indica que o presidente Medvedev e o primeiro ministro Putin teñen a tixola polo mango.
Agora só falta que o Imperio e os seus socios movan as pezas e traten de recobrar a iniciativa nun escenario desfavorable emerxente do fracaso do plan de invasión a Osetia do Sur. Os dirixentes do Kremlin situáronse con vantaxe sobre o control das reservas petroleiras e dos corredores de oleodutos que saen da conca do Mar Caspio.
Ninguén (U.E, USA e Rusia) di que todo trata sobre os recursos enerxéticos, pero a realidade indica que si.
O Cáucaso cambiou a súa configuración estratéxica e EEUU, que xa non ten a posición dominante, é sen dúbidas o gran derrotado no novo taboleiro.
Pronto se falará outra vez do Ártico e os recursos enerxéticos do leito submarino, despois, se non se para axiña, no 2.009 cabe a posibilidade dun ataque a Irán por parte dos USA-Israel (ía ser dentro duns meses, mais o conflicto de Osetia deixou se bases de aviación aos potenciais atacantes e as outras bases alternativas non gozan da invisibilidade das bases xeorxianas). O tempo dirá, pero sería conveniente que os USA deixaran a maquinaria bélica nos cuarteis e se comezase, entre todos os pobos, unha fase de diálogo que semella perdido a día de hoxe