Monarquía, para que?

O que hai que oír 1 Comentario »

Venres, 31 de outubro de 2008

Anda o estado medio revolto. A raíña, ese ente que se dedicaba a vivir ben e calar a boca, cometeu un erro: abrila! Foi falar e acabarse a campechanía, o “bo rollo”. E a verdade é que non se entende por que? Alguén pensaba que esta xente, que vive ben e á nosa conta, en virtude duns privilexios sen xustificación, nunha institución rancia e claramente machista, puidese pensar doutra maneira? Alguén confiaba en que, en falando, a raíña viñese defender os postulados de Marx?

De verdade que non hai para tanto. Cando menos, para as persoas que temos claro, hai xa ben tempo, que a monarquía debe ser unha institución a extinguir. Sirva esta polémica, como moito, para a numerosa corte de aplaudidores/as, corte na que quedará algún gai, algunha lesbiana, algunha muller que abortase… alguén, en fin, pertencente a eses colectivos sinalados e que despertará do seu soño. Para o común dos mortais, isto non é nada sorpresivo.

O que si sorprende, por cobarde, é a rectificación inmediata cargando as tintas contra a mensaxeira. Non sería mellor asumir publicamente as súas opinións, dar a cara, tal e como lle piden nos foros reaccionarios da dereita, e dicir o que pensa? Porque se pensa así, negar a evidencia, culpar á escritora que a entrevistou, e pretender saír de rosiñas non é máis que unha mostra de profunda cobardía e enorme amor á poltrona en que viven.

Cousas que si están fóra de lugar é que un suposto socialista (o presidente do Senado) a desculpe dicindo que é o que pensa moita xente no estado (aínda sendo certo), ou a actitude de TVE, que dedicou toda a mañá a falar da raíña polo seu aniversario pasando sen mentalo por enriba deste tema.

Que democracia queren? Apostemos pola liberdade de expresión; que cadaquén, incluída a raíña, diga o que pensa. O que si, ao mellor, en consonancia, toca ser coherentes, e de acordo con eses postulados, pasar “á oposición” dunha sociedade que vai moi por diante desa institución, e deixar a poltrona. E é que a monarquía xa vai sobrando, se non sobrou sempre, e non deixa de ser unha grande farsa.

Chuza! Chuza!

Cristina Pato, grande nos EEUU

Mulleres Comentar este artigo »

Xoves, 30 de outubro de 2008

Impresionante! Nun programa de EEUU convidan a un instrumentista seica moi recoñecido, un tal Yo-Yo Ma. Pero, mirade por onde, para acompañar a Yo-Yo Ma acuden outras catro persoas, e toda a atención acaba centrada na única muller: a galega Cristina Pato, coa súa gaita, triunfando nos EEUU.

Ollade as imaxes porque é moi chamativo: dende o comezo, aínda que presentan a Yo-Yo Ma, a cámara céntrase na galega, quen acaparará case a metade do tempo as imaxes, e incluso ao final, o presentador acabará despedíndoos como “Yo-Yo Ma and friends”, cando ao comezo só se referira ao instrumentista.

O dito, somos potencia, e só precisamos que nos vexan e nos escoiten. Un punto para a Cristina Pato!

Chuza! Chuza!

Unha de conxuros

Mulleres Comentar este artigo »

Mércores, 29 de outubro de 2008

O conxuro da queimada é un dos textos que poderiamos definir como xa clásicos da literatura galega, maiormente transmitido de forma oral e que foi pasando de xeración en xeración dende fai centos de anos, algunhas veces con diferentes modificacións. Nos nosos tempos, quen quizais lle deu un formato máis moderno e vistoso, recubríndoo de música, foi o grupo español Mago de Oz. 

Agora, ao abeiro do VII Encontro da Marcha Mundial das Mulleres, recentemente organizado en Vigo, apareceu un novo texto, o chamado Conxuro Feminista. Pasade (pinchade en ler máis), ollade, e valorade se o texto é atinado ou non (evidentemente, non se trata para nada de substituír o texto tradicional, que ninguén se asuste).

Ler máis… »

Chuza! Chuza!

Números relativos e números absolutos

Está pasando Comentar este artigo »

Martes, 28 de outubro de 2008

É posíbel que o valor de 2 sexa máis que o valor de 11? É posíbel que o valor de 2 sexa máis que o valor de 10? É posíbel que 2 supoñan 125 millóns e que 21 supoñan 0? Non sei na matemática, arte exacta por excelencia, mais na política, arte inexacta onde as haxa, dende logo que si.

Ler máis… »

Chuza! Chuza!

Máis touriñés!

O que hai que oír Comentar este artigo »

Luns, 27 de outubro de 2008

Como é luns e estamos para nos reincorporar a unha nova semana laboral, imos distender con algo moi serio. Hai uns días comentabamos neste blogue o mal que boa parte da clase política galega fala a nosa lingua, e iso queda corroborado máis que en ningunha outra persoa, en Pérez Touriño, que ten xa o seu propio “dialecto”: o touriñés. Vén de saír á rede unha nova recompilación das súas mellores frases, proba daquilo que se comentaba. Vexan, “A vida de Brian”, versión touriñés.

Chuza! Chuza!
Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Log in