Carballo terá que buscar a terceira vía

Está pasando Engadir comentarios

Xoves, 16 de outubro de 2008

Onte era o día D para o comercio carballés, e foi tamén o día en que se pechou o segundo intento de atopar unha solución ao edificio do mercado municipal. Se na primeira intentona foi a ausencia dunha empresa solvente capaz de acometer conxuntamente as obras do aparcadoiro soterrado e o mercado municipal, desta volta foi o rexeitamento da maioría de placeiros/as á proposta de Mercasa o que tirou abaixo a proposta do goberno municipal. Hai saída?

Que fallou neste segundo intento?

A proposta era seria e viña avalada por unha empresa de prestixio estatal, Mercasa, que xa acometera outros proxectos similares en Galiza e tamén alén das nosas fronteiras. Pero o conxunto de placeiros/as amosaron as súas reticencias sobre todo con dous factores: por un lado, a posibilidade de que unha grande cadea de alimentación se asentase no edificio municipal era visto máis como unha ameaza que como unha oportunidade; por outro lado, a alternativa de Mercasa precisaba dunha implicación económica por parte de quen teñen as actuais concesións, implicación que en moitos casos era valorada como superior ás propias posibilidades.

Hai saída para o actual mercado municipal?

O certo é que a situación do actual mercado municipal non é boa, e os postos vanse pechando nun goteo lento pero incesante. O que todo o mundo comparte é a necesidade dun cambio, o que non está claro, seica, é a proposta de cambio.

En calquera caso, que a proposta de reforma do actual edificio non é posíbel sen a implicación de quen actualmente o ocupan é unha evidencia. As concesións rematan en máis dunha década, e rescatalas suporía un investimento moi forte a sumar ao xa de por si preciso para a demolición e posterior construción. Sen praceiros/as, pois, non é posíbel.

Hai quen dirá que os praceiros/as puideron ter feito máis, ou que deberían ter apostado máis, pois elas e eles serán quen máis se beneficien dunha hipotética reforma, pero en todo caso a súa palabra xa está dada. O camiño foi visto como custoso pola súa parte; a alternativa (un edificio que vai quedando baleiro), lamentabelmente, é aínda máis custosa, pois pouco futuro semella haber sen unha revitalización do mercado.

Cal é, logo, o camiño?

Pois haberá que agardar. A bo seguro que nestes días se sucederán as intervencións, tanto por parte do goberno como por parte da oposición, ao respecto. Fica claro que se racha unha opción, mais o obxectivo ten que seguir aí.

A alternativa natural pasa por buscar un novo edificio noutra localización (toda vez que a negativa de onte non permitirá utilizar a actual situación), tarefa nada sinxela se temos en conta o valor do solo nunha vila como Carballo e que, dificilmente, ningún goberno se atreverá a trasladar o mercado moi lonxe do seu actual emprazamento.

Xa que logo, toca agardar. O futuro, como é obvio, está por escribir, mais Carballo xógase moito neste envite. Non é o exame do goberno local; nin sequera é o exame da xente que ten actualmente concesións no mercado de abastos; é o exame da vila de Carballo no seu conxunto, vila que precisa dun mercado municipal que tire do conxunto do comercio local, que é, non hai que esquecelo, un dos seus motores económicos principais.

A tarefa é crucial. A responsabilidade que se debe pedir a todas as partes, a maior. O tempo dirá quen está á altura e quen non.

1 Comentario a “Carballo terá que buscar a terceira vía”

  1. xulian dixo:

    poderíadesme decir qué é o que están a facer Evencio e Viña, ademáis da enchenta de concelleiros que cobran un lote de cartos do concello?
    non é a primeira vez que se fala do mercado, tampouco é o primeiro intento…¿qué pensan? ¿pensan algo? ¿fan algo? estaredes conmigo en que non se pode estar sempre dando disculpas de mal pagador e botándolle a culpa ós outros: ós técnicos, ós placeiros, a Andrade e á oposición do pp.
    agardo a voa resposta
    grazas

Deixa un comentario

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Identificación