Venres, 31 de outubro de 2008
Anda o estado medio revolto. A raíña, ese ente que se dedicaba a vivir ben e calar a boca, cometeu un erro: abrila! Foi falar e acabarse a campechanía, o “bo rollo”. E a verdade é que non se entende por que? Alguén pensaba que esta xente, que vive ben e á nosa conta, en virtude duns privilexios sen xustificación, nunha institución rancia e claramente machista, puidese pensar doutra maneira? Alguén confiaba en que, en falando, a raíña viñese defender os postulados de Marx?
De verdade que non hai para tanto. Cando menos, para as persoas que temos claro, hai xa ben tempo, que a monarquía debe ser unha institución a extinguir. Sirva esta polémica, como moito, para a numerosa corte de aplaudidores/as, corte na que quedará algún gai, algunha lesbiana, algunha muller que abortase… alguén, en fin, pertencente a eses colectivos sinalados e que despertará do seu soño. Para o común dos mortais, isto non é nada sorpresivo.
O que si sorprende, por cobarde, é a rectificación inmediata cargando as tintas contra a mensaxeira. Non sería mellor asumir publicamente as súas opinións, dar a cara, tal e como lle piden nos foros reaccionarios da dereita, e dicir o que pensa? Porque se pensa así, negar a evidencia, culpar á escritora que a entrevistou, e pretender saír de rosiñas non é máis que unha mostra de profunda cobardía e enorme amor á poltrona en que viven.
Cousas que si están fóra de lugar é que un suposto socialista (o presidente do Senado) a desculpe dicindo que é o que pensa moita xente no estado (aínda sendo certo), ou a actitude de TVE, que dedicou toda a mañá a falar da raíña polo seu aniversario pasando sen mentalo por enriba deste tema.
Que democracia queren? Apostemos pola liberdade de expresión; que cadaquén, incluída a raíña, diga o que pensa. O que si, ao mellor, en consonancia, toca ser coherentes, e de acordo con eses postulados, pasar “á oposición” dunha sociedade que vai moi por diante desa institución, e deixar a poltrona. E é que a monarquía xa vai sobrando, se non sobrou sempre, e non deixa de ser unha grande farsa.



Novembro 1st, 2008 at 23:09
A única acción democrática que agardo de esa xente, e nomeadeamente de Juan Carlos I que é quen sustenta o poder, non o esquezamos, é ABDICAR.
Obviamente non en favor do seu fillo senón da terceira república.
Desta volta federal.
En pé de igualdade entre as nazóns ibéricas.