Martes, 28 de outubro de 2008
É posíbel que o valor de 2 sexa máis que o valor de 11? É posíbel que o valor de 2 sexa m
áis que o valor de 10? É posíbel que 2 supoñan 125 millóns e que 21 supoñan 0? Non sei na matemática, arte exacta por excelencia, mais na política, arte inexacta onde as haxa, dende logo que si.
Cando no pasado marzo tiveron lugar as eleccións ao parlamento do estado, moitas persoas xa sabiamos que só había unha candidatura disposta a representar a Galiza: a do BNG. Agora, unha vez máis, acaba de quedar claro. A negociación dos orzamentos do estado, que Solbes acometeu con Jorquera, cousa que non fixo con ningún outro deputado/a do noso país, demóstrao ben ás claras.
Das eleccións de marzo saíron 11 deputados/as do PP. Que conseguiron desta negociación? Nada. Que buscaron? Nada. Xa se sabía que eses 11 votos, fose cal fose a proposta do ministro de economía, ía ser en contra. Nada que facer, pois, nada de proveito que tirar deses 11 votos que, en teoría, tamén representan á cidadanía galega. É máis, con eles/elas, obviamente, xa non houbo nin negociación.
E as 10 actas que arrincou o PSOE, para que serviron? Pois para que Solbes tivese de antemán 10 votos favorábeis, fose cal for a súa proposta orzamentaria, votos ademais sumisos e calados. Alguén escoitou, antes de agora (en que saen á palestra para presumir, cousa que ían facer en calquera caso), algún deputado/a galego/a do PSOE falando dos orzamentos estatais? Mutismo absoluto, silenzo cómplice e 10 votos no parlamento tirados, tamén, ao lixo.
E mirade por onde, só dúas persoas, 2, Paco e Olaia, negociaron melloras de máis de cen millóns de euros para Galiza. Alguén reparará, nun momento coma esta, cal podería ter sido o escenario se, en vez de 2 deputados/as verdairamente do país, tivesemos 23? Galiza aínda non coñece a súa forza, Galiza terá que liberarse dos seus complexos, e entón o escenario será verdadeiramente moi outro.



Comentarios Recentes