Euscadi si!

Alén Miño Comentar este artigo »

Domingo, 26 de outubro de 2008

Onte era o día en que a cidadanía vasca tiña que tomar a palabra, mais o goberno español non o permitiu: así funciona a súa democracia! En calquera caso, falar falouse onte en Euscadi, cadaquén á súa maneira: a esquerda abertzale poñendo “petardos”, o PSOE cun acto político no que abogaba por un cambio estatutario cara ningures, a Falanxe cunha concentración na que demostraron o seu peso na sociedade vasca (isto é, ningún), e as forzas do nacionalismo vasco (PNV, EA, Aralar, así como EB) organizando seis actos populosos en seis vilas do país para reivindicar o seu dereito a decidir.

Ibarretxe anunciou que as eleccións vascas serán en marzo (posiblemente, xa que logo, canda as galegas), e manifestou a súa convición en que o seu país non entregará o poder facilmente a forzas políticas que teñen a cabeza posta en Madrid (en clara alusión á mellora electoral do PSOE en Euscadi nos últimos comicios). Sexa como for, dende aquí, unha e mil veces, o noso apoio á vía do diálogo e á defensa do dereito do pobo vasco (ao igual que do galego) a decidir o seu futuro.

Chuza! Chuza!

Si, si, A Laracha foi republicana!

Axenda, É historia Comentar este artigo »

Sábado, 25 de outubro de 2008

Pois iso, que ollando o actual panorama político (con sucesivas maiorías absolutistas dun PP do máis caduco do país) ou un pasado non tan lonxano (e a súa longa noite de pedra), puidera parecer o contrario, resulta que A Laracha tamén tivo o seu esplendor de democracia en tempos da II República. Precisamente, para lembrar esa época, a Revoltaina Cultural da Beira de Bergantiños organiza para mañá, domingo, ás 5 da tarde, na aula de cultura de Caixa Galicia da Laracha, unha mesa redonda na que intervirán Xoán Sande, Manuel Pazos, Eliseo Fernández, Bernardo Maiz, e coa actuación musical de Mini e Mero. Non faltedes, porque o pasado existe, e o futuro conquístase coñecéndoo!

A semella moi acaída esta data, porque precisamente esta semana se conmemorou (o pasado mércores, 22) o centenario do nacemento dun histórico do antifranquismo, que xa figura por méritos propios na historia do noso país: Benigno Andrade García, o Foucellas. Botade un ollo á súa biografía, merece a pena.

Chuza! Chuza!

De cultura, cidades e prensa

Hoxe recomendamos..., Revista de Prensa Comentar este artigo »

Venres, 24 de outubro de 2008

Pouca xente defende hoxe o proxecto do Gaiás. Quen máis, afaise á idea de que, no mellor dos casos, é peor parar todo do que seguir, pero aínda neste caso xorden moitas dúbidas. O curioso é ver como, quen hoxe se converteu no látigo contra o proxecto, foi no seu día o máximo aplaudidor desta barbarie. E non, non nos referimos ao Partido Popular. Falamos de prensa, e falamos de La Voz. Como cambian as tornas! Un baño de realismo necesario para quen aínda cre no concepto de prensa obxectiva, baño de realismo brutal en forma de maxistral artigo de Dani Álvarez. Non deixedes de lelo, velaquí o enlace.

Chuza! Chuza!

Sexo no mundo, que tolemia!

O que hai que oír Comentar este artigo »

Xoves, 23 de outubro de 2008

Moitas veces tendemos a asimilar a represión sexual ao poderío das grandes igrexas do mundo, e aquí en occidente, moitas veces, a relacionar a represión da muller co mundo islámico. Mais o certo é que o mundo (o primeiro, o terceiro, e tamén o segundo, se o hai) ofrece de esquina a esquina datos arrepiantes. Por exemplo: sabiades que está prohibido o sexo oral case na metado do territorio do país que é o primeiro produtor de cine X do mundo? Pois si, paradoxos deses que dan para rir… ou chorar. Hai de todo, unha colección do máis variopinta, pasen e vexan!

Ler máis… »

Chuza! Chuza!

Outro xeito de facer política

Alén Miño Comentar este artigo »

Mércores, 22 de outubro de 2008

Faltan xa menos de quince días para que o mundo coñeza o próximo presidente norteamericano. Quince días dunha longuísima campaña electoral que comezou coas primarias nos dous grandes partidos hai xa case un ano, e que nos deixa un escenario aínda incerto a menos de dúas semanas para a data das eleccións (o martes, 4 de novembro).

A campaña electoral norteamerica é sen dúbida particular, diferente, cunha enorme importancia da rede, con varios debates (nos que semella que o demócrata Obama colleu unha boa vantaxe), con transfuguismo plenamente aceptado (como as declaracións de Colin Powell, ex-membro do goberno Bush, declarando a súa preferencia polo candidato demócrata, quen á súa vez manifestou que podería contar con el para o próximo goberno… o que hai que ver!), con propostas impopulares, cun candidato que suspende a campaña por enfermidade da avoa, coa entrada de efectos imprevisíbeis no debate da cuestión económica

Unha campaña, en fin, distinta, intensa (até tal punto que moitas persoas do bando republicano comezan a criticar xa ao seu candidato por chegar ao insulto con respecto ao demócrata), longa  e decisiva máis aló das fronteiras dos EUA. Claro que, tamén é certo, a política difire moito duns lados a outros do globo. Ollade senón, como anécdota, uns anuncios da campaña electoral brasileira recente (municipais e territoriais). 

Chuza! Chuza!
Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Identificación