Domingo, 12 de outubro de 2008
Pois si, no día grande da hispanidade, é de xustiza lembrar a quen entre nós aínda pode e debe presumir de bo español. E tal é o caso de dous homes que, por esa razón, aparecen nos medios: Senén Pousa e Manuel Fraga.
O título da entrada é, de feito, unha variante dunha grande frase do Senén Pousa:”ya quedan pocos españoles, y yo soy uno”. E de certo que se a españolidade hai que entendela como a entende este home, abofé que cada día son menos, incluso entre quen afirma selo, afortunadamente.
Senén Pousa é alcalde da vila ourensá de Beade polo Partido Popular dende fai xa moitos anos (de feito, dende os tempos en que aínda eran Alianza Popular) e, dentro do país, o máis meritorio na súa traxectoria dáse en datas como a de hoxe. Por exemplo, cada 20 de novembro (efeméride da morte do ditador Francisco Franco) organiza no seu concello unha misa de recordo a Franco, a Primo de Rivera e aos caídos por España. E, trala votación que esta semana se deu no parlamento galego, na que por primeira vez en moitos anos (por primeira vez na historia, habería que dicir) o PP condenou as mortes da ditadura, Senén tívoo claro: se lle preguntaran a el non o faría.
Pero lamentablemente o caso de Senén non é único. Todo un home novo no PP, González Pons, un dos novos portavoces de Rajoy, declaraba publicamente que se viran forzados a aprobar esa resolución. Manda truco! E manda truco que quen tivese que saír a rectificalo fose… si, si, Don Manuel!
Di don Manuel que non está disposto a que se vexan forzados a nada. Está claro, el que foi ministro con Don Francisco (Paquiño, para as amistades), el que aínda nun dos seus últimos libros dicía que a historia lle faría un xuízo xusto ao franquismo, a el, dende logo, ninguén lle impoñerá nada, porque, despois de máis de 80 anos de vida, xa todas e todos sabemos quen é.




Outubro 13th, 2008 at 11:54
E volveron sacar a cabra!!! Vivajpaaaaaña!