Será Galiza un país de tontos/as?

O que hai que oír Comentar este artigo »

Sábado, 29 de novembro de 2008

Pois nós cremos que non, pero algo así se podería interpretar tras a última saída de pata de banco dun dirixente socia-listo, el. Enrique Múgica, a quen o PSOE sacou da política vasca para convertelo no “Defensor del Pueblo”, acaba de mexar por fóra, ao calificar como “tontos” a quen consideramos que o toureo é unha tortura.

Tendo en conta que Galiza é un país onde o toureo é unha triste anécdota, onde a conciencia de que isto é un maltrato é maioritaria, debemos considerarnos insultados de forma colectiva? Quizais sexa hora de que Enrique Múgica colla o camiño de volta á súa casa.

As declaracións do “noso defensor” non teñen perda, pois considera que non hai argumentos racionais para defender o toureo, mais compárao a unha cuestión de fe, sinalando que tampouco hai unha explicación racional para as relixións. Até certo punto, aí poderiamos darlle algo de razón, xa que pouca lóxica teñen nestes tempos unha cousa e a outra.

Coinciden, curiosamente, no tempo, estas declaracións, cunha petición do PP no parlamento estatal. Protesta a bancada popular porque TVE non volverá emitir, seica, corridas de touros, maiormente por coincidir en horario infantil, e ademais polas perdas que ocasionaban (que se cifran seica en máis de 100.000 euros por emisión). O PP clama e reclama que se respecte a “festa patria”. Máis aló dos números, dende aquí o noso apoio a que as televisións renuncien ás touradas (abondo nos torturan xa coas súas deficientes programacións).

Chuza! Chuza!

Sexo e política para a mocidade

Está pasando Comentar este artigo »

Venres, 28 de novembro de 2008

Hai moita xente que, por descoñecemento ou interese, tenta manter a lenda de que dá igual quen mande, dereita ou esquerda, nacionalismo ou imperialismo, que a cousa sempre vai ser parecida. Mais a realidade demóstranos que, incluso en temas que non centran as grandes actuacións é posíbel atoparmos diferenzas substanciais que deberan ilustrar á sociedade. Ollade senón, á raíz dunha recente nova, a diferente forma de xestionar as políticas para a mocidade e a cuestión da sexualidade dende a dereita españolista e o nacionalismo galego.

Ler máis… »

Chuza! Chuza!

O galego non ten medo: as razóns dunha folga

Está pasando Comentar este artigo »

Mércores, 26 de novembro de 2008

O estudantado de ensino medio de todo o país estaba chamado a unha folga, na xornada de hoxe, para denunciar e deter as agresións contra o galego. Á agarda de que a prensa, organizacións e institucións fagan valoracións de datos, cabe pensar que foi un éxito rotundo, fundamentalmente por dúas razóns: polo propio suceso da convocatoria na nosa comarca, onde os cinco institutos con aulas de bacharelato convocaron a folga, cun seguimento seica moi maioritario; e porque, alén dos datos (que nunca coincidirán segundo quen os dea), o obxectivo principal, que é o de dar o debate e obrigar a cadaquén a posicionarse, está conseguido. Vexamos, xa que logo, cales foron as airadas reaccións dos sectores que se opuñan a esta convocatoria, e os argumentos expostos por ambas as partes.

Ler máis… »

Chuza! Chuza!

Revírate!

Axenda Comentar este artigo »

Martes, 25 de novembro de 2008

A violencia sexista non é admisíbel, ningún dos 365 días ano. Pero como existe, non está demais escoller unha data(sexa esta do 25 de novembro, como podía ter sido calquera outra) para revirármonos, como sociedade (a loita pola igualdade non pode ser só cousa das mulleres), contra esta lacra, e berrar aos catro ventos os nosos anceios de paz e igualdade. Para quen queira botar o seu berro, velaquí a listaxe dos actos previstos en Galiza. Participade!

A Coruña, concentración no Obelisco, ás 8 e media da tarde.

Vigo, manifestación con saída da rúa Príncipe, ás 8 da tarde.

Compostela, concentración na praza do Toural, ás 8 e media da tarde.

Pontevedra, concentración na praza do 8 de marzo, ás 8 e media da tarde.

Ourense, concentración na praza Maior, ás 12 horas.

Ferrol, concentración na praza do 8 de marzo, ás 8 da tarde.

Chuza! Chuza!

Jenaro Marinhas del Valle

Xente da terra Comentar este artigo »

Luns, 24 de novembro de 2008

Hai persoas inxustamente esquecidas na nosa terra, e sen dúbida unha delas é Marinhas del Valle. Mañá cumpriríanse cen anos do nacemento do que posibelmente sexa un dos nosos mellores dramaturgos, senón o mellor. No entanto, canta xente coñece a este autor? Cantas páxinas se lle dedicarán nos nosos libros de texto?

Estivo na fundación da Mocidade Galeguista da Coruña e na das editorias Galaxia e Grial, mais o feito de vivir a súa madurez literaria na ditadura, xunto a unha certa exclusión pola súa defensa dunha determinada postura lingüística, partidaria dun forte achegamento ao portugués, fan del un home inxustamente descoñecido.

Por iso, porque o merece, hoxe, dende aquí, recomendamos un breve repaso á súa vida e obra: na galipedia; reportaxe en Vieiros; nova da súa morte no Vieiros, na Biblioteca Virtual Galega, na Praza das Letras

Chuza! Chuza!
Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Identificación