90 anos de nacionalismo galego

É historia Engadir comentarios

Martes, 18 de novembro de 2008

A historia do nacionalismo galego vén de máis atrás, mais hai noventa anos dun feito crucial, que marcou un antes e un despois na orientación da loita nacionalista, na definición de conceptos básicos.

Cara a 1916 comezan a constituírse as primeiras Irmandades da Fala, que se reunirán os días 17 e 18 de novembro de 1918 na I Asemblea das Irmandades da Fala. Van aló, xa que logo, 90 anos desa primeira asemblea, que deixou un documento para a historia: o Manifesto ao pobo galego.

Nese documento sentouse por primeira vez unha aseveración tan categórica como importante: “Tendo a Galicia todal-as caracteristicas esenciaes de nazonalidade, nós, nomeámonos, d-oxe pra sempre, nazonalistas galegos”.

Para alén desta declaración inicial, que fai que poidamos situar de algunha maneira nesa asemblea o nacemento do nacionalismo moderno, o manifesto recolle toda unha tese política que demostra que o nacionalismo foi sempre un movemento avanzado aos seus tempos.

Así, por exemplo, é de destacar como se sinala no seu capítulo III a defensa da igualdade de dereitos para as mulleres, algo que hoxe, a maioría, asumimos con normalidade, pero que non era tanto así no conxunto do estado e de europa (as mulleres non votarían por primeira vez até a II República, trece anos despois).

Igualmente, pode comprobarse como xa o nacionalismo pregoaba, dende as súas orixes, a desaparición do modelo de división territorial en provincias, un feito que hoxe van asumindo as demais forzas políticas, e que demostra como o nacionalismo anticipou debates que a outras forzas aínda lles custaría asumir.

As Irmandades da Fala son unha parte fundamental para entender a historia do país. Por elas pasaron nomes como Castelao, Ramón Cabanillas, López Abente, Vicente Risco, Ánxel casal… en fin, do mellor que ten dado este noso país.

90 anos despois, a loita ten que continuar: seguimos a declararnos profundamente nacionalistas, porque Galiza existe e precisa de nós! Até a vitoria sempre!

Deixa un comentario

Tema & Iconos grazas a N.Design Studio
Artigos RSS Comentarios RSS Identificación