Xoves, 20 de novembro de 2008
A realidade évos unha festeira. Agóchase de tal xeito que podemos chegar a crer o que vemos, cando moitas veces aquela se esconde detrás. E así temos que non é difícil ver a ex-colaboradores da ditadura presumindo de demócratas, a pacifistas promovendo guerras ou a defensores da moral cristiá incitando ao consumo de alcol. Temos un mundo ben rariño, abofé, e se non o credes, ollade só catro detalliños destas horas.
Quen escoite a radio (sobre todo algunhas emisoras como a COPE) ou lea a prensa (sobre todo algunha prensa, como El Mundo, La Razón…) a miúdo pode chegar a pensar e afirmar sen rubor que, neste noso recuncho da terra, así como noutros do estado, a nosa lingua propia (o galego, por se alguén tiña algunha dúbida) está sendo imposta dunha forma feroz e incluso violenta. Pero mirade por onde que, buscando a realidade algo máis aló, podemos atopar con noticias (claro, noticias que dificilmente se atoparán en El Mundo, La Razón ou así, de aí a dificultade de atopar a realidade…) como que en España hai até 151 leis que impoñen o castelán na etiquetaxe dos produtos. Algúns aínda agardamos pola primeira lei que obrigue ao uso do galego nesta materia, pero se cadra si, se cadra é a nosa a lingua imposta.
Ollando os medios de comunicación de masas asumimos e chegamos a ter claro que EEUU é o paraíso da democracia, e os pobres países sometidos a rexos gobernos de esquerda (nomeadamente Cuba e Venezuela, ultimamente con algunha fichaxe neste sector) representan claramente o eixo do mal. Porén, non podemos evitar contradicións nas nosas interpretacións ao atopármonos, de forma “incríbel”, cun goberno modélico e amigo de norteamérica detendo a un xornalista simplemente por exercer a súa profesión. Iso non pode ser, e tanto é que non pode ser que non apareceu nos medios “de comunicación”.
A esquerda é revolucionaria, transgresora, e por iso a dereita ten que ser identificada como a gran defensora do sistema, como a garante de que todo vai seguir ben. O feito de que, non moi lonxe de aquí, a máxima representante da dereita propoña seis meses de vacacións para a súa democracia, coa finalidade de poñer “todo en orde” non pode ser máis que un erro ou unha mala interpretación, mais non outra cousa…
E claro, tendo unha lingua, como temos, nosa, falada por case tres millóns de persoas, con enormes dificultades na propia terra, e outra lingua, allea, emprestada, falada por varios centos de millóns de persoas en todo o mundo, está claro que nós, galegos e galegas, o que non imos é “deixar nunca que o castelán estea en perigo“. Isto é realidade, isto é o que entende por galeguismo Núñez Feijoo.



Comentarios Recentes