Acerca de
Boas, saudiños a todas as xentes das terras de Bergantiños, a todas as xentes das terras de Pondal.
Hoxe, 14 de xaneiro de 2008, nace este novo blog que pretende dar traslado de novas, aconteceres, opinións… que teñan a ver coas terras de Pondal, no seu dobre sentido, como bergantiñán, primeiro, e como galego, e todo isto dende unha óptica de país, na nosa lingua e pensando en nós mesmos/as, sen irmos contra ninguén mais reivindicando a nosa xente, a nosa terra, a nosa lingua e cultura.
Como remate a este saúdo, déixovos a letra do himno galego (nestas datas en que lla andan buscando ao español), esa que seica lle van meter na cachola aos nosos cativos e cativas, e que foi un dos máis importantes herdos que nos deixou este bo bergantiñán:
¿Qué din os rumorosos
na costa verdecente
ao raio transparente
do prácido luar?
¿Qué din as altas copas
de escuro arume arpado
co seu ben compasado
monótono fungar?
Do teu verdor cinguido
e de benignos astros
confín dos verdes castros
e valeroso chan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta do teu sono
fogar de Breogán.
Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden
e con arroubo atenden
o noso ronco son,
mais sóo os iñorantes
e féridos e duros,
imbéciles e escuros
non nos entenden, non.
Os tempos son chegados
dos bardos das edades
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois, donde quer, xigante
a nosa voz pregoa
a redenzón da boa
nazón de Breogán.


Comentarios Recentes